martes. 04.11.2025

O Pazo de Mos convértese no escenario da exposición "Os Muiños de O Picón e O Folón, a través da pintura no Camiño Portugués", unha emotiva mostra pictórica que rende tributo a unha das paisaxes etnográficas máis singulares de Galicia. As obras expostas son creacións de diversos artistas plásticos, tanto galegos como do norte de Portugal (alén Miño), que ofrecen as súas interpretacións do enclave baixomiñoto do Picón e do Folón.

A exposición é tamén unha homenaxe a dúas figuras transcendentais: o inesquecible aragonés Xosé Antonio Labordeta e Nemesio Castro, o derradeiro muíñeiro do Folón. Esta idea xerminou durante a pandemia, un período no que foi tomando forma nos estudos de creadores de diferentes puntos xeográficos como Aranda de Duero, Sevilla, Burgos, Lugo ou as Illas Baleares, ademais de contar cunha ampla representación galega.

Unha mostra que celebra unha paisaxe singular e lembra a figuras como Labordeta e o derradeiro muíñeiro do Folón.
Unha mostra que celebra unha paisaxe singular e lembra a figuras como Labordeta e o derradeiro muíñeiro do Folón.

Despois de varios anos de dedicación, a primeira parada desta itinerante exposición tivo lugar na Casa dos Alonso, no Concello da Guarda, punto de inicio do Camiño Portugués pola Costa ao cruzar a fronteira desde Portugal. O proxecto continúa o seu curso e agora recala en Mos, concretamente no Pazo, onde permanecerá ata o 21 de xuño. Posteriormente, seguirá a ruta xacobea.

Entre os artistas que plasmaron a súa visión desta paraxe atópanse Marietta Quesada, Puri del Palacio, Verónica Alcácer, Antonio Abad, Xulio Fontes, Amelia Palacios, Alex Vázquez, Mauro Lomba, Agustín Bastón, Alex Méndez, Ana Cancela, Ana P. Serres, Ánxeles Jorreto, Antonio Martínez "Cachi", Carlos Padín, Daniel Manfredi, David Quinteiro, Diana Cordero, Galia Blanco, Irene Parga Todorof, Xosé Miranda, Lucia Corrochano, Manuel Cerviño, Margarita Forteza, Orlanda Gomes, Waldirene Fraga e Xorxe Andrés Serrano. Estes creadores, xunto a outros que se sumaron con entusiasmo á iniciativa, buscan dar a coñecer a riqueza do patrimonio da moenda a través da pintura en museos e salas situadas ao longo do Camiño Portugués, desde Lisboa ata Santiago de Compostela.

A exposición pódese visitar actualmente de luns a venres, en horario de 10:00 a 13:00 e de 17:00 a 19:30. Tamén estará aberta os domingos 25 de maio e 1 de xuño de 10:00 a 13:00, o sábado 14 de xuño de 10:00 a 13:00 e o sábado 21 de xuño de 10:00 a 19:00.

O Pazo de Mos acolle unha exposición pictórica en homenaxe aos muíños do Picón e do...
Comentarios