A xornada comezará no Liceo de Noia co V Encontro de Escolas e Alumnado de Arpa de Galicia, unha cita que reunirá a 22 estudantes de entre 8 e 18 anos procedentes de Mayeusis de Vigo, o Conservatorio de Torroso en Mos e as Escolas Municipais de Música de Santiago e da ETRAD de Vigo.
O encontro naceu en 2022 co obxectivo de estimular o talento emerxente galego ao abeiro do único festival de arpa do noroeste peninsular. A actividade permite que estudantes chegados de distintos puntos de Galicia compartan unha xornada de convivencia na vila de Noia e teñan a oportunidade de coñecer de preto a grandes instrumentistas que participan no festival.
Como colofón, a partir das 13:00 horas, o grupo de arpistas ofrecerá un concerto con actuacións individuais e unha obra conxunta dirixida pola recoñecida intérprete internacional Maeve Gilchrist.
Arpa, electrónica e improvisación
A programación nocturna trasladarase ao Teatro Coliseo Noela. A partir das 21:00 horas terá lugar a estrea do proxecto exclusivo da arpista Beatriz Martínez e da artista sonora e DJ viguesa Acacia Ojea, unha proposta nacida da colaboración entre dous universos creativos.
O espectáculo fusiona arpa de levas, performance e electrónica, partindo de composicións orixinais para arpa con raíces na música tradicional. Sobre esa base, Acacia Ojea manipulará o son en tempo real mediante procesos electrónicos, xerando un diálogo aberto á improvisación no que o instrumento acústico se transforma por completo.
Non se trata dun acompañamento nin dun fondo musical, senón dunha conversa sonora entre a tradición e a experimentación, concibida especialmente para esta edición do Noia Harp Fest.
Maeve Gilchrist, referente internacional
Contra as 22:00 horas será a quenda da escocesa Maeve Gilchrist, unha das grandes referencias internacionais da arpa celta. A artista é recoñecida por revolucionar este instrumento a través da hibridación do folclore tradicional co jazz e a improvisación.
O seu aclamado álbum The Harpweaver, descrito por The New York Times como “unha sofisticada mestura de folk e jazz”, foi cualificado pola crítica como unha obra mestra da música de cámara moderna.
Un festival internacional en Noia
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, coñecido como Noia Harp Fest, é unha iniciativa promovida por Nalgures Producións e dirixida artisticamente pola Asociación Cultural Noia Harp Fest.
A edición deste ano celébrase do 29 de xullo ao 1 de agosto e conta co apoio do Concello de Noia e da Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia e do proxecto Concertos do Xacobeo. Tamén colaboran a Sociedade Cultural Recreativa Liceo de Noia, a Asociación Española de Arpistas, a Deputación da Coruña e Acción Cultural Española.
A programación deste xoves inclúe tres citas de acceso gratuíto e libre ata completar capacidade: ás 13:00 horas, no Liceo de Noia, o V Encontro de Escolas e Alumnado de Arpa de Galicia; ás 21:00 horas, no Teatro Coliseo Noela, Beatriz Martínez e Acacia Ojea; e ás 22:00 horas, tamén no Coliseo Noela, Maeve Gilchrist.
