miércoles. 10.12.2025

O Concello de Mos inaugura este venres ás 19:00 horas, no Pazo de Mos, unha exposición inédita que pon en valor a riqueza patrimonial, estética e emocional das rondallas da área metropolitana, coincidindo coa celebración do Rondallas Fest e co lanzamento da película “Rondallas”.

A mostra, realizada coa colaboración das Palilleiras de Mos, poderá visitarse ata o 28 de decembro e reúne unha colección excepcional de traxes, vestiario e elementos representativos das 17 rondallas participantes, así como información sobre os seus premios, composición e data de fundación.

As rondallas presentes na exposición son:

  • Asociación Cultural Musical Rondalla de Pontellas (O Porriño)

  • Rondalla de Santiago de Parada de Miñor (Nigrán)

  • Rondalla de Santa María de Porriño (O Porriño)

  • Rondalla de Ventosela (Redondela)

  • Rondalla Helios de Bembrive (Vigo)

  • Rondalla Santa Eulalia de Atios (O Porriño)

  • Rondalla de Guizán (Mos)

  • Rondalla do Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos (Mos)

  • Rondalla Mosteiro de Pexegueiro (Tui)

  • Rondalla da Asociación de Veciños Galiñeiro de Vincios (Gondomar)

  • Rondalla Airiños da Lagoa de Baíña (Baiona)

  • Rondalla da Asociación Veciñal Cultural e Recreativa de San Mamede de Zamáns (Vigo)

  • Rondalla do Centro Social Cultural e Recreativo de Beade (Vigo)

  • Rondalla do Centro Cultural e Veciñal de Valladares (Vigo)

  • Rondalla do Centro Cultural “A Merced” de Chaín (Gondomar)

  • Rondalla da Asociación Cultural, Social e Veciñal de Herville (Mos)

  • Rondalla C.R.C. Torroso (Mos)

Unha mostra vinculada á película “Rondallas”

A exposición inclúe tamén o vestiario da Rondalla O Gran Sol, creación do director Daniel Sánchez Arévalo para a película Rondallas, onde funciona como símbolo narrativo e emocional da historia.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, será a encargada de inaugurar oficialmente a mostra, que contará ademais cun concerto de A Vacaloura Vermella, a banda local que compuxo varios temas da banda sonora do filme.

Preestrea na Sala Tamberlik

Os materiais da exposición poderán verse por primeira vez un día antes, no marco da preestrea oficial da película “Rondallas” que terá lugar na Sala Tamberlik (Vigo), onde permanecerán expostos durante unhas horas antes de trasladarse ao Pazo de Mos.

Un convite á descuberta da nosa identidade popular

O Concello de Mos anima á veciñanza e ás persoas amantes da cultura popular a achegarse a esta mostra, que ofrece unha oportunidade única para descubrir —ou redescubrir— a evolución, o espírito comunitario e a identidade dunha das tradicións máis emblemáticas da comarca.

Mos inaugura unha exposición inédita que reivindica o patrimonio e a identidade das...
Comentarios