A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata o venres 31 de outubro o prazo para presentar candidaturas ao I Premio Castelao de Textos Teatrais, unha nova iniciativa cultural que nace coincidindo coa conmemoración do 75 aniversario do falecemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, figura esencial da literatura e do pensamento galego.
O certame, convocado por vez primeira pola institución provincial, concederá un único premio dotado con 12.000 euros, que inclúe ademais a adquisición dos dereitos de explotación da primeira edición da obra premiada, ata un máximo de 800 exemplares.
Poderán participar persoas maiores de idade que presenten obras teatrais escritas en galego, conforme á normativa da Real Academia Galega, cunha extensión máxima de 200.000 caracteres (espazos incluídos). As propostas deberán ser anónimas, presentadas baixo o sistema de plica, e non poderán ter recibido ningún outro galardón nin ter sido representadas.
A obra gañadora será publicada e seleccionada por un xurado integrado polo presidente e o secretario da Deputación, xunto con cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito teatral e literario galego. O fallo do premio darase a coñecer o 29 de xaneiro de 2026, coincidindo co aniversario do nacemento de Castelao.
Co Premio Castelao de Textos Teatrais, a Deputación de Pontevedra busca fomentar e apoiar a creación dramática en lingua galega, impulsar o talento literario da provincia e recoñecer a figura e o legado de Castelao, promovendo ao mesmo tempo a participación e o uso do galego na escena contemporánea.
