jueves. 02.07.2026

O Rosal brinda polo verán coa XXXIV Feira do Viño e estrea un Túnel do Viño no Museo do Cabaqueiro

A Praza do Calvario acollerá do 17 ao 19 de xullo unha nova edición da Feira do Viño do Rosal, con once adegas, música, gastronomía, actividades familiares, patrimonio e unha nova experiencia inmersiva para descubrir os viños da subzona do Rosal da D.O. Rías Baixas.
Representantes del Concello do Rosal, de la Asociación de Cabaqueiros y de las once bodegas participantes brindan durante la presentación oficial de la XXXIV Feira do Viño do Rosal, que se celebrará del 17 al 19 de julio.
Representantes del Concello do Rosal, de la Asociación de Cabaqueiros y de las once bodegas participantes brindan durante la presentación oficial de la XXXIV Feira do Viño do Rosal, que se celebrará del 17 al 19 de julio.

A XXXIV Feira do Viño do Rosal volverá converter do 17 ao 19 de xullo a Praza do Calvario no gran escaparate dos viños da subzona do Rosal da Denominación de Orixe Rías Baixas, nunha edición que aposta por reforzar a identidade vitivinícola do municipio ao tempo que amplía a súa programación cultural, gastronómica e familiar.

A presentación oficial reuniu ao Concello do Rosal, á Asociación de Cabaqueiros do Viño do Rosal e ás once adegas participantes, que serán as grandes protagonistas dunha cita xa consolidada como unha das principais celebracións enolóxicas de Galicia e un importante motor de promoción do territorio.

A gran novidade deste ano será o Túnel do Viño, unha experiencia inmersiva que permitirá ao público descubrir as características, aromas e singularidades dos viños do Rosal guiados por un sumiller. Esta proposta substitúe a tradicional cata profesional do venres e estenderase durante as tres xornadas da feira, facendo máis accesible o coñecemento da cultura vitivinícola tanto para afeccionados como para visitantes.

Esta actividade desenvolverase no Museo do Cabaqueiro, un espazo que permitirá combinar a degustación dos viños coa descuberta dun dos oficios tradicionais máis representativos da identidade rosaleira, unindo patrimonio, cultura e produto local nun mesmo percorrido.

Outro dos grandes atractivos desta edición será o pregoeiro, Antonio Candelas, bioquímico, enólogo, xornalista e divulgador especializado na cultura do viño. Cunha ampla traxectoria profesional vinculada ao sector, dirixiu durante dez anos a revista MiVino e actualmente asesora adegas, denominacións de orixe e institucións en comunicación e estratexia vitivinícola.

A programación familiar continúa gañando protagonismo. Entre as propostas máis destacadas figura Girafes, o espectacular pasarrúas da compañía catalá Xirriquiteula Teatre, coñecida internacionalmente polos seus espectáculos de rúa. As súas xigantes xirafas percorrerán as rúas do Calvario interactuando co público e transformando o recinto da feira nun gran escenario ao aire libre.

A oferta para os máis pequenos completarase cos espectáculos Clownamorado, de Rudi Dudi, e O conto de Barrigaverde, de Fran Rei, ademais do tradicional obradoiro de cociña impartido por Isaac Míguez. Como novidade, incorporarase unha actividade sobre reciclaxe e sustentabilidade organizada por Biophilia Axencia Ambiental, que promoverá a reutilización de materiais relacionados co mundo do viño.

A música volverá ser outro dos piares fundamentais da feira. O cartel reúne formacións de estilos diversos como The Tetas' Van, banda integrada por mulleres que ofrecerá versións de pop-rock con mensaxes reivindicativas; El Cuarto de Tula, cun espectáculo dedicado á música cubana; e The Pretty Shirts, encargados de pechar o festival cun directo de rock and roll e garage rock.

As sesións vermú estarán amenizadas por Groovin Folks, cun repertorio que percorre clásicos do funk, soul, disco e rock desde os anos sesenta ata a actualidade, e polo dúo Awen, que mestura rock, soul e blues. A música tradicional chegará da man do Grupo de Gaitas Airiños do Folón, que percorrerá as rúas do Calvario.

O patrimonio rosaleiro tamén terá un papel destacado. Ademais do Museo do Cabaqueiro, o domingo celebrarase a visita interpretativa Os segredos de Mariña, un percorrido guiado polo Calvario que permitirá coñecer a historia e os recunchos máis emblemáticos da vila desde unha perspectiva ligada ao territorio.

A gastronomía volverá complementar a experiencia enolóxica cunha ampla oferta de establecementos, foodtrucks e postos de comida que combinarán receitas tradicionais e propostas innovadoras pensadas para maridar cos viños das adegas participantes.

A programación cultural completarase coa XXXI Mostra Filatélica do Grupo Filatélico e Numismático Val do Rosal e a presentación do seu selo conmemorativo; coa exposición Hábitats e horizontes: unha viaxe abstracta, da artista Esther Moe; coa mostra fotográfica Manxares, de Xulio Gil, integrada no proxecto Nortear 2026; e coa entrega dos premios do II Concurso de Relato Curto do Concello do Rosal, reforzando a dimensión cultural da feira.

A organización manterá tamén o compromiso coa sustentabilidade iniciado na edición anterior, cando o evento obtivo a certificación de festa sostible. Nesta ocasión volveranse utilizar vasos reutilizables para as bebidas distintas do viño, potenciarase a recollida selectiva de residuos, instalaranse puntos gratuítos de auga potable e desenvolveranse accións de sensibilización ambiental.

Así mesmo, repetirase o reforzo do servizo de autobuses para facilitar os desprazamentos entre O Rosal e distintos puntos da comarca, promovendo unha mobilidade máis segura e sostible durante os tres días da celebración.

Organizada polo Concello do Rosal e a Asociación de Cabaqueiros do Viño do Rosal, a feira conta co apoio dos fondos europeos do Programa INTERREG VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, do Consello Regulador da D.O. Rías Baixas, da Deputación de Pontevedra, da Xunta de Galicia e de Abanca, entidades que contribúen a consolidar unha cita que ano tras ano reivindica a excelencia dos viños do Rosal e a riqueza cultural, patrimonial e gastronómica do Baixo Miño.

O Rosal brinda polo verán coa XXXIV Feira do Viño e estrea un Túnel do Viño no Museo do...
Comentarios