Ponteareas é un dos municipios de referencia do sur da provincia de Pontevedra e a principal vila da comarca do Condado. Oficialmente constituído como concello en 1835, conta na actualidade con 23.206 habitantes e unha extensión territorial de 125,56 quilómetros cadrados, o que o converte no segundo municipio máis extenso da comarca do Condado-Paradanta, só por detrás de Covelo.
A súa capital municipal é a vila de Ponteareas, situada na parroquia do mesmo nome e coñecida popularmente como a Vila do Tea ou a Vila do Corpus. O Concello, sede da administración municipal, ocupa desde 1898 un emblemático edificio que continúa a ser o centro político e administrativo da localidade.
O municipio estrutúrase en 24 parroquias e arredor de 120 aldeas, lugares e barrios, configurando unha realidade territorial diversa na que conviven o núcleo urbano e amplas zonas rurais. A parroquia máis poboada é Ponteareas, con máis de 12.500 habitantes, mentres que Paredes é a menos habitada, con apenas medio cento de veciños.
A nivel político, Ponteareas conta cunha corporación municipal de 21 concelleiros. Desde 2023 a alcaldía está presidida por Nava Castro, á fronte dun goberno de coalición formado por Partido Popular, ACIP e Independientes de Ponteareas.
Situada nun fértil val atravesado polo río Tea, a xeografía ponteareá combina chairas agrícolas con importantes elevacións montañosas nos seus límites. Entre os seus espazos naturais máis destacados figuran a Serra do Galleiro, o Monte da Picaraña e o Outeiro do Foxo. O río Tea constitúe o gran eixo vertebrador do municipio, modelando a paisaxe e dando lugar a espazos de gran valor ambiental como a praia fluvial da Freixa, unha das máis coñecidas de Galicia.
As comunicacións son outro dos puntos fortes do municipio. Ponteareas está conectada a través da autovía A-52, a estrada N-120 e diversas vías autonómicas que a enlazan con Mondariz-Balneario, Pazos de Borbén e Salvaterra de Miño, converténdose nun importante nó de comunicacións do interior da provincia.
O patrimonio histórico e cultural constitúe unha das grandes riquezas locais. Entre os seus principais atractivos destacan o Castelo de Sobroso, o Castro de Troña, a ponte de San Roque, o convento de San Diego de Canedo, a capela da Santa Cruz da Picaraña, numerosas igrexas parroquiais, reitorais históricas, cruceiros e petos de ánimas repartidos por todo o territorio.
Mención especial merece o Corpus Christi de Ponteareas, declarado Festa de Interese Turístico Internacional e Ben de Interese Cultural, unha celebración que cada ano converte as rúas da vila nun espectacular tapiz floral e que sitúa o municipio no mapa internacional das grandes festas tradicionais.
Ademais da súa riqueza patrimonial, Ponteareas dispón dunha ampla rede de servizos públicos e privados, con centros educativos, instalacións deportivas, servizos sanitarios, actividade comercial e empresarial, reforzando o seu papel como centro económico e social da comarca.
Entre tradición e modernidade, entre montaña e val, Ponteareas continúa sendo un dos grandes referentes do interior da provincia de Pontevedra, unha vila que agocha numerosos recunchos por descubrir e que exerce, por historia e dinamismo, como auténtica capital do Condado-Paradanta.
DOCUMENTACIÓN: Alejandro Outerelo.
