O Concello de Ponteareas anunciou que o músico Rafael Carracedo Crespo será o encargado de pronunciar o pregón das Festas do Corpus Christi 2026, unha celebración recoñecida como Festa de Interese Turístico Internacional e Ben de Interese Cultural Inmaterial, distincións que avalan a súa singularidade e valor patrimonial.
Natural da parroquia de Guláns, Carracedo desenvolve a súa carreira profesional como fliscorno solista na Unidade de Música da Garda Real e converteuse nun referente do talento local e da tradición musical da vila do Tea. A súa designación como pregoeiro supón un recoñecemento á súa traxectoria e ao seu vencello coa cultura ponteareá. Entre os seus méritos destaca a obtención do prestixioso Trofeo MacCrimmon no Festival Intercéltico de Lorient, un dos galardóns máis relevantes no ámbito da gaita.
A alcaldesa, Nava Castro, sinalou que o nomeamento simboliza a unión entre as dúas grandes almas do Corpus: a tradición das alfombras florais e a excelencia musical. Pola súa banda, o tenente de alcaldesa, Juan Carlos González Carrera, lembrou que o pregón, que terá lugar o domingo 31 de maio, marcará o inicio oficial das celebracións, cuxo día grande será o domingo 7 de xuño.
Cada ano, milleiros de persoas visitan Ponteareas para contemplar as súas alfombras de flores, unha expresión colectiva elaborada polas veciñas e veciños alfombreiros que transforma as rúas nun auténtico museo ao aire libre e que constitúe unha das principais señas de identidade do municipio.
Unha traxectoria de excelencia
Licenciado en Trompeta polo Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, Rafael Carracedo obtivo o Premio Extraordinario de Fin de Grao Profesional e a Matrícula de Honra Fin de Carreira. Ampliou a súa formación no Mozarteum de Salzburgo e colaborou con formacións como a Orquesta Nacional de España, a Sinfónica de RTVE ou a Orquesta Sinfónica de Galicia.
No ámbito da música tradicional galega, foi profesor de gaita e requinta e colaborou con grupos como BellónMaceiras, Radio Cos ou Korrontzi. En 2017 publicou o libro A requinta da Ulla. Obradoiro Riobó, un traballo etnográfico de referencia. Como gaiteiro, suma numerosos premios, entre eles o Certame de Gaita e Tamboril de Tui e o Trofeo MacCrimmon de Lorient.
Co seu pregón, Ponteareas dará comezo a unha nova edición dunha festa que é patrimonio vivo de Galicia e embaixadora internacional da cultura ponteareá.
