miércoles. 21.01.2026

Irán

O curioso dos últimos tempos é que hai unha estreita alianza entre o totalitarismo progre e o islamista. Unha alianza que ao necio lle pode parecer contra natura, pero que ten toda a lóxica do mundo. 
Ilustración DL-G.
Ilustración DL-G.

1979 foi un ano moi insurrecto. A revolución triunfou en Irán e en Nicaragua. Recordo ben a imaxe na prensa de Jomeini regresando en febreiro á antiga Persia desde o seu exilio francés e a de Daniel Ortega e os outros comandantes sandinistas entrando en xullo en Managua, a pesar de que eu só tiña once e doce anos, respectivamente (cumprín os doce uns días antes da entrada de Ortega na capital de Nicaragua). “A pesar de” ou por iso mesmo, pois é obvio que, ao eu ser apenas un preadolescente, esas fotografías impactáronme moito. Era a primeira vez que vía un aiatolá e un comandante guerrilleiro.

A revolución sandinista rematou en 1990, aínda que Nicaragua está a vivir hoxe unha excrecencia co novo goberno tiránico de Ortega. Pero a revolución iraniana aínda se mantén viva, malia que nos últimos tempos se teñan multiplicado as protestas antigubernamentais, bañadas todas en sangue polo réxime.

Mais as protestas dos últimos días non teñen precedente nos corenta e sete anos de historia da República Islámica, polas súas dimensións e tamén pola magnitude da represión. Fálase de máis de tres mil mortos, que algunhas fontes elevan ata vinte mil. Pero a principal diferenza destas protestas coas anteriores foi que, malia aos asasinatos, a xente seguiu protestando na rúa. Por iso creo que o réxime está ferido de morte, porque un pobo que prefire morrer de pé a vivir de xeonllos resulta, antes ou despois, invencible.

O iraniano é un réxime totalitario como poucos. O totalitarismo foi unha desgraciadísima creación do século XX que tivo os seus dous máximos estandartes no nazismo/fascismo e mais no comunismo. Hoxe, o mundo está ameazado especialmente polos totalitarismos comunista e islamista, do que Irán é un representante perfecto. Xaora que tamén temos que vixiar o fascismo –que, certamente, está a resucitar–, pero o auténtico, non esa dereita máis ou menos liberal á que o pensamento progresista chama fascista para descualificala. Un progresismo, por certo, que tamén ten unha profunda vocación totalitaria e do que nos temos que coidar igualmente.

Pero volvo ao totalitarismo islamista de Irán. Lembro que cando estaba a estudar na Universidade, un profesor quixo que comentásemos a nova de que Jomeini escribira unha carta a Gorbachov –daquela, secretario xeral do Partido Comunista da URSS– na que lle afeaba o ateísmo do seu réxime. A miña resposta foi que, como crente, prefería un goberno que me pretendese inculcar a idea de que Deus morrera antes que outro que me intentase facer crer que Deus mandaba matar; un goberno que me pretendese inculcar a idea de que Deus non existía antes que outro que intentase que eu crese nun Deus asasino. E o mesmo penso hoxe.

O curioso dos últimos tempos é que hai unha estreita alianza entre o totalitarismo progre e o islamista. Unha alianza que ao necio lle pode parecer contra natura, pero que ten toda a lóxica do mundo. O que os une é a súa mutua pretensión de destruíren a civilización cristiá e, xa que logo, a democracia –a verdadeira democracia–, pois non foi senón o cristianismo quen sentou as súas bases. En concreto, a Escola de Salamanca no Século de Ouro, con teólogos como Francisco de Vitoria e Domingo de Soto, que estableceu os fundamentos dos dereitos humanos modernos ao defender a dignidade inherente dos pobos indíxenas e a soberanía popular. Deste xeito, influiu no desenvolvemento do dereito internacional e a democracia, ao cuestionar o poder absoluto e avogar por un goberno lexítimo baseado na lei natural e o consentimento, e prefigurando conceptos de xustiza social e limitación do poder estatal.

P. D.: Como debería quedar claro, aquí non falo do Islam como relixión, senón do islamismo, que é unha ideología política e social totalitaria que procura aplicar os principios do Islam en todos os aspectos da vida pública, baseándose na lei islámica –a sharía– para organizar o Estado e a sociedade.

Irán
Comentarios