sábado. 06.06.2026

A Deputación de Pontevedra abrirá este luns 8 de xuño o prazo de inscrición para participar na terceira ruta do programa Voando nas Rías Baixas, unha iniciativa de sensibilización ambiental que terá lugar o próximo 21 de xuño na praia da Lanzada, entre os concellos do Grove e Sanxenxo. A actividade está organizada en colaboración coa asociación SEO/BirdLife e forma parte dun calendario de sete percorridos ornitolóxicos previstos para este ano en distintos espazos naturais da provincia.

A ruta permitirá ás persoas participantes coñecer de preto a realidade da píllara das dunas, unha das aves máis ameazadas de Galicia e que atopa na Lanzada un dos seus últimos refuxios de reprodución na provincia de Pontevedra. A través de prismáticos e telescopios terrestres de alta gama, e mantendo sempre unha distancia de seguridade para evitar molestias á especie, os asistentes poderán observar os niños protexidos con balizas e gaiolas, así como as familias de píllaras e as súas crías percorrendo a area.

Durante a actividade, as dúas guías especializadas de SEO/BirdLife encargaranse tamén de explicar os principais riscos aos que se enfronta esta ave durante a época de cría, entre eles a presenza humana nos areais, os cans soltos ou a alteración do seu hábitat natural.

A Deputación oferta un total de 25 prazas, e cada solicitante poderá inscribirse acompañado de ata tres persoas máis. A actividade inclúe o desprazamento en autobús ata a zona da visita e o percorrido guiado, recomendándose aos participantes acudir con roupa cómoda e calzado axeitado. Ademais, cada asistente contará cunha guía de aves e material óptico para facilitar a observación.

O programa Voando nas Rías Baixas continuará despois do verán cunha ruta por Cabo Udra, o 13 de setembro. Posteriormente celebraranse percorridos polo esteiro do Miño, na Guarda, o 11 de outubro; pola desembocadura do río Lérez e a intermareal Combarro-Lourido, nos concellos de Poio e Pontevedra, o 15 de novembro; e polo Complexo Intermareal Umia-O Grove, entre O Grove e Sanxenxo, o 13 de decembro, pechando así a programación desta edición.

Con esta iniciativa, a institución provincial busca achegar á cidadanía a riqueza natural das Rías Baixas e fomentar o coñecemento e a conservación das especies e ecosistemas máis valiosos do territorio.

A Deputación abre o prazo para participar nunha ruta para observar a píllara das dunas...
Comentarios