A Festa da Rosa de Mos chega este ano á súa 53ª edición convertida nun dos principais sinais de identidade do municipio. Para a alcaldesa, Nidia Arévalo, a celebración transcende o carácter festivo para se converter nunha expresión da historia colectiva dos mosenses.
“É unha festa que ten moita forza e que representa todo, a nosa historia”, afirma. Esa historia está intimamente ligada á presenza dos Marqueses de Mos e ao seu pazo, hoxe recuperado para o uso e desfrute da veciñanza e convertido nun dos escenarios centrais da celebración. “A existencia dos Marqueses de Mos e do seu pazo fai posible que teñamos identidade como concello”, subliña.
Precisamente por esa vinculación histórica, a festa rende homenaxe á Rosa dos Quirós, da que procede o emblema que figura no escudo municipal. “A rosa representa a preciosidade que simboliza unha rosa. Mos é un concello precioso porque ten moitísimo verde, moitísimos espazos naturais e unha enorme riqueza patrimonial, con elementos como o Camiño de Santiago ou o propio Pazo de Mos. Á vez, somos un concello moderno que se foi transformando co paso do tempo. A rosa é o emblema que mellor nos simboliza”, explica.
Máis de medio século de crecemento
A alcaldesa destaca que a Festa da Rosa soubo evolucionar ao longo destes máis de cincuenta anos sen renunciar ás súas raíces. “Foi medrando tanto na súa dimensión como na promoción fóra das nosas fronteiras e na programación cultural, pero sen perder a súa esencia”, asegura.
O segredo dese equilibrio entre tradición e innovación está, ao seu xuízo, na implicación popular. “A forza que nos dan os veciños co seu entusiasmo, coa súa presenza e coa súa involucración é fundamental”, sinala. Arévalo destaca especialmente a capacidade da celebración para reunir o tecido asociativo, cultural e veciñal das distintas parroquias do municipio.
Tamén agradece o apoio institucional da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia. “Isto creceu pola forza e o empeño da xente”, resume.
Unha festa que sempre enche as rúas
A Festa da Rosa celébrase cada ano o 13 de xuño, independentemente do día da semana en que coincida. “A pesar de que moitas veces cae en días laborables, énchese do calor da veciñanza. Ese é o segredo: que a xente a queira”, afirma.
Ese respaldo social foi clave para que a Xunta a recoñecese como Festa de Interese Turístico de Galicia. Agora o seguinte paso está xa en marcha. “Estamos tramitando que a Festa da Rosa sexa declarada de Interese Turístico Nacional. É onde temos que chegar e despois, por que non, de Interese Internacional”, adianta.
O debut da Feira do Viño Rosado de Galicia
A gran novidade desta edición será a celebración da I Feira do Viño Rosado de Galicia, unha iniciativa que nace coa intención de ampliar o atractivo da festa e atraer novos visitantes.
“O obxectivo é que a festa creza, sexa máis coñecida e aumente o número de visitantes. Queremos exportar a nosa esencia cultural, tradicional e moderna por Galicia adiante e por España”, afirma.
A idea xurdiu ao detectar un baleiro na promoción deste tipo de viños. “O viño rosado galego está moi de moda e non había unha feira nin unha exaltación. Faltaba un escaparate”, explica. O pasado ano participaron dúas adegas como experiencia piloto e este ano serán sete as presentes no recinto do Pazo de Mos.
“Rosa e rosado. Non temos viño rosado en Mos, pero temos moitas ganas de acollelo e de que aquí se deguste. Creo que o lugar e o momento son perfectos para convertermos a Mos no escaparate do rosado galego”, sinala.
Arévalo amósase convencida do potencial da iniciativa. “É un bo comezo e estou segura de que esta feira vai medrar. Todas as festas de exaltación do viño galego son exitosas porque temos un gran viño.”
A empanada de millo, outro símbolo de Mos
Aínda que Mos non conta cun prato exclusivo que o identifique, a alcaldesa destaca a importancia da Festa da Empanada de Millo, integrada desde hai anos na programación da Festa da Rosa.
“Pode parecer unha receita común en Galicia, pero aquí existe unha tradición moi arraigada”, explica. Todo comezou cando un grupo de mulleres decidiu poñer en valor unha elaboración presente na maioría dos fogares mosenses.
“Levan máis de trinta anos asociadas e vinte e sete celebrando a festa da empanada. Hai uns anos decidimos unir esforzos coa Festa da Rosa e foi un acerto”, afirma.
A presenza da panadería San Miguel das Vides, de Pereiras, habitual gañadora do concurso da empanada máis grande, reforza tamén esa aposta gastronómica. “Se temos unha panadería que tira por este produto, é unha gran axuda para exaltar esta tradición”, asegura.
Para Arévalo, a combinación é perfecta: “A empanada de millo e o viño rosado fan un pareado marabilloso”.
Valedores para levar a rosa máis lonxe
Desde hai tres anos, a festa nomea cada edición os seus valedores, unha figura destinada a actuar como embaixadora da celebración.
“Todo isto ten un único obxectivo: promocionar a Festa da Rosa”, explica a alcaldesa. A iniciativa recupera o espírito das antigas medallas de Mos. “Ser valedor significa agradecemento, pero tamén compromiso. Quen recibe este recoñecemento leva consigo a responsabilidade de exportar a rosa e de falar da festa alá onde vaia.”
Este ano, un dos distinguidos será Daniel Burgos, recoñecido polo seu traballo de renovación das rondallas. “É unha das persoas que máis merecía este nomeamento porque levou moi lonxe o coñecemento das rondallas e converteunas nun referente nacional”, afirma.
A repercusión acadada a través das interpretacións de temas de AC/DC e a inspiración que xeraron para a película Rondallas, dirixida por Daniel Sánchez Arévalo, contribuíron decisivamente a modernizar a imaxe destas formacións musicais.
Un vestido cargado de rosas
A alcaldesa tamén será protagonista dunha das curiosidades desta edición. Lucirá o vestido gañador do concurso de moda celebrado o pasado ano dentro da Festa da Rosa.
“Fun moi atrevida cando dixen que poñería o vestido que gañase”, recoñece entre risas. “Porque sabemos que os deseños gañadores adoitan ser moi atrevidos.”
Con todo, asegura que o modelo vencedor encaixa perfectamente coa ocasión. “É precioso, está cargado de rosas, pero é un vestido moi conservador que calquera muller podería levar. Xa o fun probar e queda moi ben.”
Para Arévalo, o xesto pretende ser unha homenaxe ao traballo das palilleiras e dos creadores participantes. “É un aceno á artesanía de Galicia, á artesanía de Mos e, sobre todo, á Festa da Rosa do noso concello.”
O momento máis emotivo
Despois de décadas formando parte da celebración, a alcaldesa ten claro cal é o instante que máis a emociona cada ano.
“Sinceramente, como crente que son, é cando desde o presbiterio, despois da misa que precede a festa, me dirixo a todos os mosenses agradecendo a vida que temos e o concello que construímos entre todos”, confesa.
Un momento de agradecemento colectivo que resume o espírito dunha festa que, cincuenta e tres edicións despois, continúa medrando sen esquecer as súas raíces. “É un intre no que nunca deixo de emocionarme”, conclúe.
