Vexo na prensa que no outro día, durante a sesión de control ao Goberno no Congreso dos Deputados, a secretaria xeral de Podemos, Ione Belarra, insultou o presidente de Mercadona, Juan Roig, referíndose a el como “ser despreciable”.
Coido que Belarra podería ben mirarse nun espello. Entón vería que ela tampouco é moi digna de aprecio.
Pero volvo aos insultos a Roig. Non é a primeira vez –máis ben, a enésima– que a xente de Podemos e a súa contorna –é dicir, os autotitulados “progresistas” e mesmo “antifascistas”– insulta a grandes empresarios. Penso, por exemplo, en Amancio Ortega, que, cada vez que ten doado cartos –e falo de millóns de euros– á sanidade pública española para a adquisición de equipos de alta tecnoloxia, especialmente para a loita contra o cancro, é atacado e insultado gravemente por este tipo de xente (ía dicir “xentuza”). Coidado: non cada vez que gaña millóns de euros, senón –repito– cada vez que doa cartos para a sanidade pública, dos que, sen dúbida, se están a beneficiar todos estes tipos (ía escribir “tipexos”) que o insultan.
Por suposto que o que hai atrás destes ataques é envexa. Pura e porca envexa. Os que aldraxan a estes grandes empresarios en realidade envéxanos, e simplemente por que teñen cartos. Non crean que os envexan por outro motivo. Ogallá fose así, porque supoño que, ademais de defectos, como todos, Roig ou Ortega deben de ter tamén virtudes. Pero non, non é a virtude o que envexan estes “progresistas”. Son os cartiños.
Xa se sabe que a envexa é o pecado capital dos españois, e moi particularmente da esquerda. A famosa loita de clases, ao cabo, non é máis ca iso, envexa. Unha vez oín a alguén dicir que o comunismo consiste en “matar para roubar”, e penso que tiña toda a razón. Probablemente é a mellor definición desta ideoloxía totalitaria, responsable, por certo, de cento vinte millóns de mortos nos últimos cento dez anos. Moito roubaron.
Remato. Con todo isto non quero facer un panexírico do capitalismo. Moito menos do capitalismo salvaxe. Simplemente, creo niso que a nosa Constitución, que, por certo, acaba de cumprir corenta e oito anos, chama a “economía social de mercado”. Algo en que estes aldraxadores de grandes empresarios no cren, claro. Porque non cren na liberdade. Xa sabemos o que dixo Lenin, o seu xefe: “Liberdade para que?”.
