miércoles. 04.03.2026

Envellecer

 (...) mellor que “o reto é non envellecer”, sería dicir “o reto é envellecer ben”, con dignidade, con alegría, con saúde, con vitalidade. 
Ilustración DL-G.
Ilustración DL-G.

Leo na prensa que o doutor Borja Quiroga, especialista en Nefroloxía, vén de publicar un libro titulado “El reto es no envejecer”, do que acaba de falar no Club Faro de Vigo, na cidade olívica. Entendo o título do libro e mais da conferencia, porque a vellez é hoxe unha etapa da vida profundamente desprezada e atacada. Os vellos son uns apestados. Mellor morto que vello. De feito, ademais de apartalos e agochalos nas residencias, convidámolos a morrer co engano da eutanasia.

Mais non debería ser así, senón todo o contrario. Antigamente, ata os anos sesenta do século pasado, os vellos eran valorados, respectados e mesmo venerados nas familias e na sociedade toda, como encarnación sen par de experiencia e sabedoría.

Por iso, mellor que “o reto é non envellecer”, sería dicir “o reto é envellecer ben”, con dignidade, con alegría, con saúde, con vitalidade. Algo ao que a ciencia pode contribuír hoxe moito (pero non só a ciencia: tamén a filosofía, a relixión e outros moitos eidos do saber e, sobre todo, da persoa humana). Por iso mesmo, a eutanasia é un disparate, ademais dun crime.

Pero volvamos á cerna do asunto. Como dicía máis arriba, nas sociedades tradicionais (en realidade, ata hai ben pouco: os anos sesenta do pasada centuria), os vellos eran valorados e respectados. Vivían na casa coa familia e representaban a súa máxima autoridade moral. Pero neses anos sesenta, como outras moitas cousas, ese panorama comezou a mudar radicalmente. A mocidade empezou a ser valorada per se, e iso que non era mao malogrouse porque axiña esa valoración se transformou en adoración. Nacía así o culto á xuventude no que aínda vivimos, e o peor de todo é que esa mocidade se converteu nunha forma de vida crónica. Antes, un pasaba de mozo a adulto cando casaba e, sobre todo, cando tiña fillos, o que acontecía ao pouco de casar. Agora, coa caída brutal da natalidade e a multiplicación dos divorcios, os adultos poden seguir vivindo como mozos indefinidamente, porque non teñen familia ningunha que soster nin atender.

Como pasa con todo, o primeiro que se fixo para eliminar a vellez foi suprimir a palabra que a designaba: “vello”. Desde entón, empezou a falarse de “maiores”, convertendo en substantivo o que sempre fora un adxectivo en grao comparativo. Un eufemismo penoso, que matou unha palabra tan fermosa como a realidade que designaba.

Isto faime lembrar unha anécdota persoal. Cando traballaba en “El Correo Gallego”, hai trinta anos, prohibíronos escribir a palabra “anciano” porque, disque, ao dono do xornal, que certamente era xa ancián, non lle gustaba que llo recordasen. Pero tan absurdo como chamar hoxe “ancián” a un home de sesenta anos é non chamarllo a outro de noventa. E as cousas non deixan de ser o que son porque lles demos outro nome.

Remato. O reto non é non envellecer, como dicía, senón envellecer ben, con alegría, con ilusión, con saúde. Ogallá teñamos afouteza para afrontalo.

 

Envellecer
Comentarios