domingo. 05.07.2026

Galicia continuará baixo os efectos das altas temperaturas. Segundo os datos remitidos por MeteoSaúde, no marco do Plan de Actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos da calor sobre a saúde, mañá manterase a alerta vermella en 120 concellos da comunidade.

O nivel 3, vermello, afectará ás zonas isoclimáticas do interior da Coruña, centro de Lugo, montaña de Lugo, sur de Lugo, montaña de Ourense e interior de Pontevedra. Pola súa banda, o nivel 2, laranxa, estará activo no suroeste da Coruña, Miño de Ourense, litoral de Pontevedra ou Rías Baixas e Miño de Pontevedra. O nivel 1, amarelo, afectará ao noroeste da Coruña, Valdeorras e noroeste de Ourense.

A previsión é que a situación de altas temperaturas se manteña en toda Galicia durante varios días, polo que as alertas seguirán activas ante os posibles efectos adversos para a saúde.

No ámbito deportivo, a Xunta, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, determinou a suspensión da actividade deportiva federada no exterior mañá, de 12.00 a 20.00 horas, nas zonas afectadas pola alerta vermella. Esta medida aplicarase no interior da provincia da Coruña; no centro, montaña e sur de Lugo; no interior de Pontevedra; e na montaña de Ourense.

Nas zonas con alerta laranxa non se suspende a actividade deportiva federada, aínda que se recomenda adaptar os horarios ás condicións específicas de cada zona, evitar as horas de maior calor e adoptar medidas preventivas para reducir o impacto das altas temperaturas.

A Consellería de Sanidade lembra que a exposición a temperaturas excesivas pode provocar mareos, cansazo, debilidade, fatiga, cambras musculares, síncope, deshidratación, insolación e golpes de calor. A maioría destes problemas están relacionados cun fallo no sistema de termorregulación do corpo.

Entre as principais recomendacións á poboación figuran beber máis líquidos sen agardar a ter sede, evitar bebidas alcohólicas, quentes ou moi azucradas, aumentar o consumo de froita, verdura e ensaladas, vestir roupa lixeira e de cores claras, permanecer en espazos ventilados ou á sombra e reducir a actividade física nas horas de máis calor.

Sanidade recomenda tamén prestar especial atención ás persoas maiores, menores de catro anos, persoas con enfermidades crónicas, deportistas, traballadores ao aire libre e persoas que viven soas ou en vivendas mal acondicionadas. En caso de esgotamento ou golpe de calor, debe solicitarse asistencia médica urxente chamando ao 061.

Galicia manterá a alerta vermella por calor en 120 concellos
Comentarios