martes. 18.08.2026

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, participou este luns no acto de depósito das cascas do piñeiro da Caeira, en Poio, diante do que foi fusilado Alexandre Bóveda en 1936. Os fragmentos foron colocados ante o cadro de Castelao A derradeira leición do mestre, exposto no Museo de Pontevedra ata o 27 de setembro.

O acto, organizado pola institución provincial e a Fundación Alexandre Bóveda, coa participación da Fundación Castelao, enmárcase na conmemoración do Día da Galicia Mártir, que lembra o asasinato de Bóveda a mans do réxime franquista.

«Pero non foi só el; tamén tantas outras persoas coñecidas e moitas anónimas, das que durante demasiado tempo apenas se falou», sinalou o vicepresidente provincial. Domínguez lembrou que «Alexandre Bóveda foi asasinado por amar Galicia e iso foi unha enorme inxustiza con el, coa súa familia e cos seus amigos, e tamén para Galicia, que perdeu un dos seus membros máis destacados».

Os fragmentos proceden do piñeiro fronte ao que foron fusilados Alexandre Bóveda, Víctor Casas, Amancio Caamaño, José Adrio, Germán Adrio, Telmo Bernárdez, Paulo Novás, Ramiro Paz, Luis Poza, Benigno Rey e Juan Rico.

As cascas foran recollidas e conservadas por Amalia Álvarez, viúva de Alexandre Bóveda. A súa filla, Amalia Bóveda, depositounas por primeira vez diante da obra de Castelao, inspirada precisamente no fusilamento do intelectual galeguista e concibida como homenaxe ao conxunto dos mártires galegos.

Domínguez lembrou que foi Castelao, exiliado para evitar correr a mesma sorte, quen presentou este cadro tamén un 17 de agosto. Na obra, explicou, o artista reflectiu «o horror e a dor ante a figura do seu amigo, tendido no chan, recentemente asasinado».

O vicepresidente apuntou que na pintura tamén se pode recoñecer «a esperanza nun futuro mellor para Galicia, unha Galicia democrática e libre». Ao seu xuízo, desde aquela avanzouse moito, aínda que «quizais non tan rápido como deberiamos», e destacou que hai só unhas décadas sería impensable celebrar un acto destas características ou contar nel coa presenza dun representante da súa formación política.

Amalia Bóveda, filla de Alexandre Bóveda, bica as cascas do piñeiro da Caeira que a súa nai conservou durante décadas. Ao fondo, A derradeira leición do mestre, de Castelao.
Amalia Bóveda, filla de Alexandre Bóveda, bica as cascas do piñeiro da Caeira que a súa nai conservou durante décadas. Ao fondo, A derradeira leición do mestre, de Castelao.

Malia os progresos alcanzados, Rafa Domínguez advertiu de que a sociedade non pode caer na autocompracencia. «Aínda vemos ao noso arredor situacións que lembran demasiado os anos previos ao 36: partidos políticos que difunden odio ao diferente, que negan a violencia de xénero e que senten orgullo de non participar en actos como este», afirmou.

Ante esta situación, defendeu a responsabilidade dos representantes públicos de «non mirar para outro lado» e de protexer «a democracia, a liberdade e a convivencia», combatendo as políticas que buscan dividir, enfrontar ou negar a dignidade das persoas.

O vicepresidente enmarcou a celebración na «absoluta normalidade» e expresou o seu «profundo orgullo» por contribuír a reparar, aínda que só sexa en parte, a inxustiza cometida hai agora 90 anos.

«O noso deber é darlles voz a Bóveda e a todas as vidas das que apenas queda memoria, porque facelo é un acto de memoria e un acto de xustiza», concluíu.

Tras a cerimonia no Museo de Pontevedra, Rafa Domínguez asistiu ao habitual acto institucional do Día da Galicia Mártir ante o monumento a Alexandre Bóveda na Caeira, organizado pola Fundación Alexandre Bóveda e o Concello de Poio.

As cascas da memoria regresan ante a última lección de Castelao
Comentarios