A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Colexio Oficial de Administradores de Fincas de Galicia (Coafga) presentaron esta mañá a nova guía con recomendacións preventivas fronte ao coronavirus para poder celebrar xuntas veciñais coas máximas garantías sanitarias. O protocolo, que estará a disposición do colectivo de administradores como documento de consulta e referencia, inclúe toda unha serie de consellos e medidas tanto de hixiene e limpeza como organizativas que se deben adoptar antes da celebración da xuntanza, durante a mesma e tamén ao seu remate.
Neste sentido, entre as recomendacións para planificar a celebración en condicións de seguridade deste tipo de reunións figuran evitar reunirse en lugares que dificulten manter a distancia de seguridade de 1,5 metros, como poden ser garaxes, portais ou zonas de paso, establecer sistemas de control de acceso ordenado e que impidan posibles aglomeracións, distribuír o espazo de xeito que todos os asistentes poidan estar sentados, obrigar ao uso de máscaras, e garantir medidas de hixiene, limpeza e desinfección adaptadas ao actual contexto sanitario, como poñer a disposición dos asistentes solucións hidroalcohólicas, ventilar o local antes e despois da reunión ou evitar repartir material impreso.
Durante o acto de presentación, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, lembrou que o pasado mes de xullo representantes de Coafga trasladáronlle persoalmente as dificultades que estaban a atopar para poder convocar as xuntas ordinarias anuais de propietarios debido ás restricións impostas pola Covid-19, sobre todo as relativas á celebración de reunións e ás limitacións no número de asistentes.
Froito desa xuntanza, ambas entidades acordaron colaborar na elaboración dun protocolo ou guía que recollese as pautas esenciais a seguir para poder retomar este tipo de encontros con plenas garantías.
Por este motivo, o Instituto Galego do Vivenda e Solo (IGVS) pediu a colaboración do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) e da Consellería de Sanidade para elaborar unha guía de recomendacións preventivas ante o coronavirus especificamente adaptada ás características das xuntas de comunidades de propietarios.
Cómpre lembrar que, legalmente, é obrigatorio celebrar este tipo de reunións polo menos unha vez ao ano, ao tempo que determinados acordos importantes para o bo funcionamento das comunidades tampouco se poden aprazar, como a renovación dos cargos directivos ou a aprobación dos orzamentos.
Neste sentido, Vázquez Mejuto lembrou o papel clave que xogan os administradores de fincas á hora de facilitar o día a día da xestión das comunidades de propietarios, incidindo no “importante apoio” que ofreceron nos últimos meses ás familias e especialmente ao colectivo das persoas maiores á hora de informar e axudarlles a resolver todo tipo de asuntos e xestións relacionadas coas súas vivendas.
Na mesma liña, a responsable autonómica tamén destacou o traballo deste colectivo de profesionais para axudar a difundir as distintas liñas de axudas públicas que ofrece e xestiona cada ano o IGVS en materia de vivenda, conseguindo que a información chegue de forma directa aos seus potenciais beneficiarios, polo que, concluíu, “os administradores de fincas son un nexo de suma importancia entre a Administración e os cidadáns”