No interior montañoso do concello de Covelo, entre as parroquias do Piñeiro, Campo, Godóns e Maceira, atópase Fofe, unha pequena parroquia que, malia ser a menos poboada do municipio, conserva unha enorme riqueza histórica e patrimonial.
Segundo os datos do IGE de 2025, Fofe conta con apenas 25 habitantes, unha cifra que continúa reflectindo o progresivo descenso demográfico do rural galego. Porén, detrás dese reducido número agochase unha parroquia cun pasado de gran relevancia dentro do antigo Val do Tielas.
Fofe foi durante séculos a capital deste antigo couto medieval, que agrupaba as actuais parroquias da Graña, Campo, San Salvador de Prado, Godóns e a propia Fofe. A súa importancia mantívose ata o ano 1528, cando Campo se segregou e pasou a converterse en parroquia independente.
A tradición oral asegura ademais que a igrexa parroquial de San Miguel Arcanxo é a máis antiga do norte do concello, aínda que as sucesivas reformas arquitectónicas impiden datar con exactitude a súa construción orixinal.
Un pasado de prosperidade
Lonxe da realidade actual, Fofe chegou a vivir momentos de gran esplendor. No século XVII residían na parroquia máis de 250 familias, favorecidas pola actividade agrícola baseada no cultivo de centeo, trigo e millo.
A situación estratéxica do lugar tamén converteu Fofe nun punto habitual de paso das rutas comerciais que comunicaban O Ribeiro coa costa atlántica. Ese dinamismo económico permitiu incluso a construción dunha gran casa reitoral, que chegou a albergar ata sete sacerdotes.
Hoxe, ese emblemático edificio foi reconvertido na coñecida casa rural Rectoral de Fofe, un dos principais reclamos turísticos da parroquia.
Patrimonio e natureza
Fofe destaca tamén polo seu patrimonio histórico e natural. Entre os seus elementos máis singulares atópanse unha ponte medieval e o antigo camiño que a atravesa, ademais de fragas autóctonas e impresionantes vistas sobre o Val do Tea.
Os veciños destacan especialmente a tranquilidade do lugar, ideal para contemplar o ceo estrelado ou a saída da lúa sobre o Faro de Avión.
A parroquia está formada pola Aldea de Riba e a Aldea de Baixo, que inclúen núcleos como O Carballal, As Cavadiñas e O Chafallón.
Unha comunidade que resiste
A pesar da perda de poboación e das dificultades para manter algunhas tradicións, Fofe continúa loitando por preservar a súa identidade. A Comunidade de Montes e a Asociación de Veciños manteñen viva a actividade social e cultural da parroquia.
Entre as celebracións máis destacadas figura a festa do Corpus e, sobre todo, as grandes festas de San Miguel, patrón da parroquia, que se celebran cada 29 de setembro con actos relixiosos e verbenas populares.
Outras tradicións históricas, como a participación na Romaría das Pascuillas na Franqueira, fóronse perdendo pola falta de veciñanza.
Con todo, Fofe segue sendo un símbolo da Galicia rural que resiste. Unha pequena parroquia con enorme peso histórico que busca manter vivo o seu pasado mentres mira cara ao futuro.
DOCUMENTACIÓN: Alejandro Outerelo.

