Paradella, o monte que tamén nos mira
Como condena dos lumes que o destruíron unha e outra vez e da inconsciencia dunha man humana capaz de ferir a natureza, destruír montañas e bosques, arrasar a vida e condenar ao silencio os animais que neles atopan o seu fogar. Dedicado ao Monte da Paradella e a toda a natureza ferida pola acción destrutora do ser humano.
Hai montañas que se miran e montañas que se levan dentro.
Para min, o Monte da Paradella, ese monte que algúns veciños chaman tamén Monte do Outro Lado, é das segundas. Leva tantos anos habitando a miña memoria que xa non sabería dicir cando comecei a contemplalo. Quizais estaba alí antes mesmo de que eu aprendese a miralo.
Durante anos foi unha das primeiras cousas que vía ao comezar o día. Desde a ventá da cociña, mentres tomaba aquel primeiro café da mañá, podía contemplalo en silencio. Non precisaba nada máis. O monte estaba alí, fronte a min, como unha presenza antiga que non pide palabras.
E quizais por iso sempre me transmitiu algo semellante ao que transmiten as persoas maiores cando as miramos con respecto: serenidade.
As súas ladeiras teñen engurras. As súas pedras, cicatrices. Envelleceu ao sol,