O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, participou este venres no Teatro Principal de Pontevedra na inauguración da novena edición do foro xornalístico “As mulleres que opinan son perigosas”, un encontro que reúne cada ano na cidade a profesionais de todo o país referentes no xornalismo de opinión e na defensa da igualdade entre mulleres e homes.
Durante o acto inaugural, López destacou que este foro continuará contando co máximo apoio da Deputación. “Coma esas grandes reportaxes que abren xornais e informativos, esta páxina da historia estades a escribila en equipo, a moitas mans. Un equipo no que non caben pasos atrás. O titular sabémolo: a nosa meta, a igualdade”, afirmou o mandatario provincial.
O presidente estivo acompañado polo vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, e pola deputada de Igualdade, Paula Bouzós. Tras a inauguración, celebrouse a primeira conversa do programa, na que as organizadoras do evento, Diana Varela e Susana Pedreira, dialogaron coas columnistas Alba Chaves e Dores Tembrás, gañadoras da terceira edición do premio #MulleresQueOpinan, promovido tamén pola institución provincial.
A xornada continuou coas primeiras conferencias da mañá a cargo da xornalista do Diario de Pontevedra, Alba Moledo. Pola tarde estaban previstas as intervencións de Fátima Frieiro, Rebeca Yanke, Carmela Ríos e Remedios Zafra.
O programa continuará este sábado con relatorios de Nieves Domínguez, Isabel Coello, Sara Morales, Eva Vázquez, Ebbaba Hameida, Andrea Proenza e Helena Resano.
Durante a súa intervención, Luis López agradeceu o traballo das organizadoras do foro e destacou o impacto desta iniciativa que, segundo sinalou, cumpre xa nove anos consolidándose como un espazo de reflexión e debate sobre igualdade e xornalismo.
O presidente provincial tamén vinculou o encontro co lema impulsado pola Deputación para conmemorar o Día Internacional da Muller, no que se presenta a loita pola igualdade como unha carreira iniciada hai décadas na que, malia os avances acadados, a meta aínda está lonxe.
“Nove anos despois, as mulleres que opinan seguen sendo perigosas para quen pensa que a igualdade lles estorba ou ameaza; para quen nega as discriminacións ou a violencia que aínda sofren as mulleres; e para quen non quere ver as barreiras que aínda existen”, concluíu López, subliñando que as mulleres que opinan, loitan e alzan a voz “son imprescindibles para construír unha sociedade máis xusta e igualitaria”.
