A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou esta tarde no compostelán Pazo de San Roque o acto oficial de apertura do seu curso académico, nun evento que reuniu a numerosas académicas e académicos, así como destacadas autoridades institucionais, culturais e científicas de Galicia.
O acto estivo presidido por Juan Lema, presidente da RAGC, acompañado polo equipo de goberno da institución e por representantes de diversas entidades. Entre os asistentes atopábanse o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde; a presidenta da Fundación Barrié, Pilar Romero; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Isabel Ares; ou a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, entre outros.
Durante a súa intervención, Juan Lema reafirmou “o papel da ciencia como elemento central do progreso da nosa sociedade, como motor de desenvolvemento social, económico e cultural”. Subliñou ademais que “a ciencia non avanza a base de xestos espectaculares, senón grazas a un labor constante, rigoroso e moitas veces silencioso”, destacando que a RAGC forma parte dese esforzo colectivo “por construír un futuro mellor baseado no coñecemento, no pensamento crítico e no compromiso co ben común”.
Lección maxistral sobre catálise
O académico da RAGC e catedrático de Química Física da USC, Arturo López Quintela, impartiu unha lección maxistral centrada na catálise como un dos piares fundamentais da química moderna e da industria. O experto explicou os avances derivados da redución dos materiais catalíticos a escala nanométrica, que permite aumentar a actividade catalítica e reducir o uso de metais nobres. López Quintela concluíu cunha reflexión: “na ciencia os cambios máis profundos revélanse no máis pequeno”.
Premios de Investigación Fundación Barrié-RAGC
No transcurso do acto entregáronse tamén os Premios de Investigación Fundación Barrié-RAGC, destinados a recoñecer a mellor investigación desenvolvida en Galicia nas áreas de Ciencias Básicas, Técnicas e Sociais. Cada un dos tres traballos premiados recibiu unha dotación de 5.000 euros, e concedéronse tamén varios accésits en cada categoría.
Juan Lema destacou o éxito desta segunda convocatoria, na que se presentaron 133 candidaturas, e puxo en valor o carácter “innovador e cun alto impacto científico e social” das investigacións galardoadas.
Pola súa parte, Pilar Romero Vázquez-Gulías, presidenta da Fundación Barrié, salientou que estes premios responden á convicción de que “a investigación é un motor indispensable para o desenvolvemento social e económico de Galicia”, e subliñou o talento e perseveranza dos profesionais que fan avanzar a ciencia galega.
Premiados nas distintas categorías
Ciencias Básicas
O premio recaeu nun traballo liderado por María Mayán (CINBIO-Universidade de Vigo), que identifica unha proteína como diana terapéutica fronte a mutacións presentes en varios tipos de cancro. A investigadora destacou a relevancia de combater a resistencia aos tratamentos oncolóxicos.
Nesta categoría concedéronse dous accésits:
-
Ao equipo de Manuel Souto (CiQUS-USC), polo desenvolvemento dun novo composto orgánico para baterías máis sostibles.
-
A Hamza Al-Shdaifat (Facultade de Matemáticas da USC), por novos conceptos matemáticos aplicables á física e á enxeñaría.
Ciencias Técnicas
O premio foi para o grupo de Cristina Gallego (CRETUS-USC), que propón un aproveitamento sustentable da pel do peixe para obter xelatina de alta calidade destinada aos sectores alimentario, farmacéutico e cosmético.
O accésit nesta área foi para o equipo liderado por Javier Pernas (CITENI-UDC), que desenvolveu unha metodoloxía de optimización da planificación de tarefas na construción naval, con aplicacións noutros sectores industriais.
Ciencias Sociais
O premio foi para o equipo de Iria González (Escola de Enxeñaría Industrial da UVigo), centrado na xestión sostible da chamada “última milla” no comercio electrónico, fase clave polo seu impacto ambiental.
O accésit correspondeu ao grupo de María Garrido (Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC), que analizou como as prácticas ambientais melloran o rendemento e resiliencia das pemes galegas en contextos de crise.
Con este acto, a RAGC reafirma o seu compromiso coa promoción da ciencia e co recoñecemento do talento investigador galego, consolidando Galicia como un territorio con capacidade para xerar coñecemento de impacto internacional e solucións aos grandes retos actuais.
