miércoles. 17.04.2024

Chelo Pampillón, directora de Fontevella Teatro,

emociónase ao falar destes veteranos actores e actrices algúns dos cales están

na década dos seus 80 ou 90 anos. É que forman parte da súa vida que comparte

con Atrezzo. Agora tamén Fontevella acaba de cumprir 25 anos. Diario

Luso-Galaico fala con esta directora-amiga o día da festa de aniversario trala

representación de A Condesiña do Balneario e enfundada na súa camisola

conmemorativa.

“Hai que ser moi valente a calquera idade para atreverse

a subir a un escenario. Aínda máis cando estes actores e actrices contan con

máis de oitenta ou noventa anos. Dedícanlles tanta paixón que contaxian. Entón

é imposible non querelos, non emocionarse...é imposible”, di Chelo a piques de

romper a chorar tras unha intensa tarde de celebración e teatro.

Na conversa sae unha persoa moi importante para

Fontevella e para Chelo Pampillón que xa non está con nós, Ana Santos.

“Ana Santos é unha amiga, unha alumna de moitos anos -24

anos estivo como alumna miña- e unha ‘escribidora de palabras’ e unha grande

persoa-amiga, moi soñadora...Unha enfermidade ‘puñetera’  levóunola o día 21 de xaneiro, despois de

loitar moito. Entón, como comprenderás, hoxe foi un día moi difícil para

nós...porque cada palabra lembrábanos a Ana. Ela escribiu A Condesiña do

Balneario, especialmente para nós. E tiñamos todo moi recente”, explica a

directora de Fontevella.

A dirección de Fontevalla é un  reconstituínte para Chelo. “Dirixilos proporcióname

unha enerxía tremenda. A única maneira de entender isto é pasar con eles días

de ensaios e de actuacións. Posúen tanta enerxía, tanta ilusión, poñen tanta

paixón en todo o que fan...que contaxian”.

Chelo asegura que rifa con estes actores veteranos como

con calquera outro. “Eles lévano ben...Teñen claro que son a directora e ¡xa

está! Iso si, ás veces, resístense..., pero lévano ben. Non lles queda outra.

Asegúroche que eu non os trato de forma especial por ser maiores...Eu

lémbrolles  que son actores e actrices no

escenario. Logo podemos entrar máis ou menos lentos porque estamos operados de

cadeiras ou porque temos 80 ou 90 e tantos anos, pero iso non quere dicir que

non teñamos que dar o 200% en cada actuación. Eu esíxolles isto”, di Chelo

cunha voz que dá a seguridade de que non pode ser doutra forma.

Para o futuro de Fontevella, a directora firma xa con que

“pase o que veu pasando todos este 25 anoa. Fontevella segue adiante porque hai

persoas novas que se van incorporando...E, déixame que pense...con 25 anos máis

eu aínda podo dirixir a compañía. Si, seguiremos dirixindo Fontevella”, afirma mentres

o seu optimismo rompe en risas.

E sobre quen ten axudado a esta  supervivencia deste grupo teatral de veteranos, Chelo é tallante: “Ben, o grupo. Basicamente eles...algún político botou unha man...pero sempre escasa. Pero...hoxe estamos en día de festa”, di para aforrar críticas.

E volta: “Basicamente o grupo, xunto coa sorte de ter

detrás a Atrezo. Cada vez que falta algún actor ou actriz porque está enfermo

ou non pode vir...Non se cancela a actuación! Eu chamo e digo: necesito que...A

Damián, a Jessica, a Balbi,...a Michael que é home de cine que nos fai unhas montaxes

magníficas...Basicamente aos amigos...”. Isto é Fontevella, descansa no cadro

de actores e actrices doutro grupo que dirixe Pampillón que é Atrezo teatro.

Para os vindeiros tempos, esta directora porriñesa quere

“que sexan iguais que os 25 anteriores. Non pido máis! Desexo outros 25 como os

que rematamos de cumprir”. Ou sexa, que todo quede como está.

Chelo Pampillón é unha muller da farándula desde os 14 anos.

Nótase que  desfruta co seu traballo. E,

no seu grande corazón,  é capaz de

acoller a todos aqueles que dirixe máis alá do profesional.

Chelo Pampillón, directora de Fontevella Teatro: “Hai que ser moi valente a calquera...