Randufe, en Tui, prepárase para vivir oito días de intensa actividade coa celebración da XXXVIII Semana Cultural, organizada pola A.C.D. Xuntanza Randufe. A programación arrancará o domingo 30 de agosto cunha carreira popular e prolongarase ata o 6 de setembro con música, humor, maxia, deporte e propostas familiares.
A primeira xornada comezará ás 10.00 horas no adro da Guía coa Carreira Popular de Randufe. Pola noite, ás 21.30 horas, Francisco Castro e Alba Costas actuarán na Casa Cultural. O luns 31 será a quenda do grupo Rayanos, tamén ás 21.30 horas.
O mes de setembro abrirase coa maxia do Profesor Wocky, o martes 1, mentres que o mércores 2 subirá ao escenario a Escola de Canto Ponte das Febres. A humorista Uxía Hermida protagonizará a velada do xoves 3 e o venres 4 celebrarase unha sesión de playbacks. Todas estas actividades terán lugar ás 21.30 horas na Casa Cultural.
A programación familiar gañará protagonismo o sábado 5 cunha festa da escuma e inchables, a partir das 17.00 horas no exterior da Casa Cultural. Ás 21.30 horas celebrarase o Festival Folclórico, coa participación do Grupo Folclórico Xuntanza, as Pandereteiras Darraia e a Banda de Gaitas Arume de Malvas. A xornada contará tamén coa presenza de Gabry D.
A Semana Cultural despedirase o domingo 6 de setembro. O programa comezará ás 10.00 horas cunha marcha ciclista desde o adro da Guía. Ás 19.00 horas actuarán Peter Punk e Brais das Hortas e, a partir das 21.30 horas, pecharán a programación Acordeóns Xuntanza e a Coral Ponte das Febres.
Durante todas as xornadas haberá obradoiros infantís e servizo de cantina a prezos populares. A iniciativa conta coa colaboración da Comunidade de Montes de Randufe, o Concello de Tui e a Deputación de Pontevedra.
