A Asociación Amigos da Terra de Montes anunciou que Rubén Troitiño, músico e investigador de Cerdedo, é un dos tres galardoados coa Medalla de Ouro 2025. Este recoñecemento distingue a súa "traxectoria na defensa da música e da identidade da Terra de Montes".
A entrega da distinción celebrarase este sábado, 9 de agosto, en Cerdedo, no marco da Xuntanza Anual 2025, un evento que inclúe unha programación completa con misa, asemblea, homenaxes e un xantar popular.
Rubén Troitiño (1988) é unha figura clave na recuperación e difusión do patrimonio musical da comarca. Coa súa sólida formación académica e a súa intensa traxectoria artística, dedicou a súa vida a preservar a identidade sonora da Terra de Montes.
Comezou a súa formación musical na súa vila natal e pasou por numerosas agrupacións tradicionais e corais, como Os Gaiteiros de Soutelo, O Fiadeiro de Vigo, Quempallou ou o Coro de Cámara Rías Baixas. Tamén colaborou con artistas de renome como Oscar Ibáñez e Carlos Núñez.
Ademais do seu labor como músico, Rubén destaca como investigador. É o impulsor do proxecto "Músicas da Terra de Montes", un arquivo virtual que recompila e comparte de forma gratuíta o patrimonio sonoro da zona. Tamén organizou as "I Xornadas das Músicas da Terra de Montes".
O músico expresou a súa profunda emoción polo galardón: "Sinto esta distinción como un recoñecemento colectivo a todas as persoas que traballan pola nosa cultura e identidade. Cada melodía, cada historia recuperada, é froito do amor á nosa terra".
Xunto a Rubén Troitiño, tamén serán galardoados coa Medalla de Ouro 2025 Eduardo Pazos Calvar e a Comisión de Festas de Pardesoa.
O acto de conmemoración rematará cun xantar popular no edificio multiusos, cun custo de 35 euros por persoa.
