martes. 24.02.2026

An Alfaya recibe o Premio Laxeiro 2026 polo seu compromiso coa literatura galega

A escritora viguesa foi distinguida pola Fundación Laxeiro no 118 aniversario do nacemento do artista, nun acto celebrado no MARCO de Vigo que reuniu a destacadas figuras do ámbito cultural e institucional.
De esquerda a dereita, Francisco Castro durante a súa intervención; a escritora An Alfaya; o presidente da Fundación Laxeiro e alcalde de Vigo, Abel Caballero; a conselleira de Cultura, Lingua e Xuventude, e o concelleiro Ricardo González, no acto de entrega do Premio Laxeiro 2026 celebrado no MARCO de Vigo.
De esquerda a dereita, Francisco Castro durante a súa intervención; a escritora An Alfaya; o presidente da Fundación Laxeiro e alcalde de Vigo, Abel Caballero; a conselleira de Cultura, Lingua e Xuventude, e o concelleiro Ricardo González, no acto de entrega do Premio Laxeiro 2026 celebrado no MARCO de Vigo.

A Fundación Laxeiro entregou este luns 23 de febreiro, coincidindo co 118 aniversario do nacemento do artista, o Premio Laxeiro 2026 á escritora An Alfaya (Vigo, 1964), en recoñecemento á súa traxectoria e á súa contribución á cultura galega en calquera das súas manifestacións.

O acto celebrouse no MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, e contou coa presenza de representantes do mundo cultural e institucional, así como familiares, editores, artistas e amizades da autora.

Na lectura da acta do padroado, o secretario xeral da Fundación Laxeiro, Carlos García-Suárez, salientou a prolífica produción de Alfaya, a versatilidade da súa escrita e a súa capacidade para dirixirse con solvencia a públicos infantil, xuvenil e adulto, configurando unha obra heteroxénea que contribuíu á renovación da literatura galega contemporánea.

Durante o acto, o escritor Francisco Castro destacou a relevancia simbólica do 23 de febreiro, tanto pola súa dimensión histórica como pola coincidencia coa figura de Rosalía de Castro, subliñando o peso das mulleres na tradición literaria galega. Castro reivindicou a voz propia de An Alfaya e a súa capacidade para manter unha alta calidade literaria sen caer en simplificacións ao dirixirse ao público máis novo.

Pola súa banda, a autora agradeceu o galardón e reflexionou sobre o diálogo entre as artes plásticas e a literatura, defendendo o poder transformador da cultura e da creación como ferramentas para humanizar e fortalecer a sociedade.

O presidente da Fundación Laxeiro e alcalde de Vigo, Abel Caballero, pechou o acto poñendo en valor o labor da entidade na difusión da obra de Laxeiro e na defensa da cultura como expresión de liberdade e democracia, e felicitou á premiada pola súa traxectoria e polo discurso pronunciado.

An Alfaya, que realizou estudos de Maxisterio en Vigo e de Criminoloxía na Universidade Complutense de Madrid, desenvolveu unha ampla traxectoria literaria que abrangue novela, relato e, nos últimos anos, poesía. A súa obra foi traducida a varias linguas e destaca pola súa capacidade para explorar distintos estilos e rexistros, consolidándose como unha das voces salientables das letras galegas actuais.

An Alfaya recibe o Premio Laxeiro 2026 polo seu compromiso coa literatura galega
Comentarios