sábado. 18.05.2024

A música volve esta fin de semana á sala multiúsos do auditorio municipal de Ponteareas. A banda de música Reveriano Soutullo súbese de novo este domingo 23 de outubro a este escenario no corazón da vila para cativar ao público cun repertorio preparado con moito agarimo. A actuación será ás 13.00 horas con entrada de balde ata completar aforo.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida a todos os veciños e veciñas a achegarse ata a sala multiúsos e gozar do concerto da agrupación, que presentará un programa adaptado a todas as idades e a todos os públicos entre o que se pode escoitar música galega de sempre e pezas de compositores ponteareáns, pero tamén títulos máis modernos e contemporáneos.

A banda de música Reveriano Soutullo leva o nome do histórico compositor ponteareán, unha das figuras musicais máis influíntes e importantes de principios do século XX. A banda iniciou a súa andaina en 1996 baixo a batuta de José Fernández Prego e ten ás súas costas numerosos premios que ratifican a súa prolífica traxectoria. A banda está formada na actualidade por máis de 50 compoñentes e contra entre eles cun grupo de novas incorporacións que comparten os seus estudos na Escola da propia banda coa súa especialización en diferentes conservatorios.

La Reveriano Soutullo súbese ao escenario
Comentarios