sábado. 11.05.2024

O Concello de Ponteareas vén de sacar a licitación pública o proxecto urbanístico da obra de rehabilitación da nave de Aceros del Tea por un importe de 637.016,60€ (526.460€ + IVE). Esta contratación aspira a dar resposta á necesidade de transformar a antiga fábrica nun novo espazo para a veciñanza, que conta co financiamento dos fondos EDUSI desde o pasado ano 2016 pero que, derivado da inacción de gobernos anteriores, atópase na prórroga do período máximo de execución e corre serio risco de perder esta importante fonte de financiación europea por non ter xestionado debidamente estas axudas.

En paralelo, o goberno municipal está xestionando tamén a resolución da titularidade dos terreos nos que se asenta a antiga nave

O prego da licitación está xa publicado na Plataforma de contratación do sector público na seguinte ligazón:

Tal e como se recolle no clausulado do prego, o  obxecto do contrato consiste en traballos de construción de cubertas e estruturas de peche. O prazo para a  execución dos traballos por parte da empresa adxudicataria será de 3 meses e o prazo para presentar ofertas expirará o próximo 29 de agosto (ás 14:00 horas), data na que se celebrará o pleno ordinario do mes de agosto no Concello.

“Este goberno está a facer todo o que está na súa man para intentar salvar estes fondos europeos e este proxecto. Sabemos das enormes dificultades que isto conleva e lamentamos profundamente que este sobreesforzo que está a facer todo o equipo de goberno non fose levado a cabo cando correspondía, nos últimos 7 anos polo nosos antecesores”, asegura a alcaldesa Nava Castro.

O goberno local confire a este proxecto “prioridade absoluta” en materia de Urbanismo e compromete “esgotar ata o último minuto” as opcións de executalo antes da data límite da prórroga concedida, que será o 31 de decembro de 2023.

Na mesma liña, a concelleira de Urbanismo, Silvia Fernández, incide en que “desde o minuto un soubemos da gravidade da situación, do risco real de poder perder esta importante cantidade económica para os veciños e veciñas. O que si sabemos é que non será por este goberno que non se pelexe ata esgotar o prazo”. Ademais, recalca que se trata dun proxecto que “tería que estar rematado hai meses pero que vai a marchas forzadas porque desde o bipartito non se gobernou nin coa responsabilidade debida nin coa previsión necesaria”.

Este proxecto de Aceros del Tea é a constatación do particular xeito que tivo o bipartito de entender o goberno e a política. “A falla de xestión provoca que a cidadanía perda oportunidades de obter melloras e servizos. É algo inasumible e por desgraza estamos atopando que non é un caso illado, é algo que afecta ás diferentes áreas e que obriga a facer un esforzo extra para resolver en interno todos os erros e a falta de previsión que houbo durante estes últimos anos. Este proxecto é só a punta do iceberg”.

PENDENTES TITULARIDADE TERREOS

En paralelo, o goberno municipal está xestionando tamén a resolución da titularidade dos terreos nos que se asenta a antiga nave, que a día de hoxe non corresponde ao Concello, e que se convirte noutra traba determinante que o actual equipo de concelleiros recibiu do anterior goberno bipartito.

As conversas e xestións sucédense para intentar axilizar ao máximo os prazos e desatascar así unha das grandes trabas burocráticas coas que conta o procedemento. A pesar das dificultades atopadas, a concellaría de Urbanismo espera que a publicación no boletín da provincia de Pontevedra do proxecto de equidistribución dos terreos chegue a tempo para non demorar o inicio da execución dos traballos recollidos na licitación xa publicada.

Ponteareas licita o contrato para traballos de construción de cubertas e estruturas de...
Comentarios