Rafael Carracedo será o pregoeiro do Corpus Christi 2026 de Ponteareas

Infografía DL-G.
O músico ponteareán, gañador do Trofeo MacCrimmon de Lorient e fliscorno solista da Garda Real, dará o pistoletazo de saída a unha festa declarada de Interese Turístico Internacional e Ben de Interese Cultural Inmaterial.

O Concello de Ponteareas anunciou que o músico Rafael Carracedo Crespo será o encargado de pronunciar o pregón das Festas do Corpus Christi 2026, unha celebración recoñecida como Festa de Interese Turístico Internacional e Ben de Interese Cultural Inmaterial, distincións que avalan a súa singularidade e valor patrimonial.

Natural da parroquia de Guláns, Carracedo desenvolve a súa carreira profesional como fliscorno solista na Unidade de Música da Garda Real e converteuse nun referente do talento local e da tradición musical da vila do Tea. A súa designación como pregoeiro supón un recoñecemento á súa traxectoria e ao seu vencello coa cultura ponteareá. Entre os seus méritos destaca a obtención do prestixioso Trofeo MacCrimmon no Festival Intercéltico de Lorient, un dos galardóns máis relevantes no ámbito da gaita.

A alcaldesa, Nava Castro, sinalou que o nomeamento simboliza a unión entre as dúas grandes almas do Corpus: a tradición das alfombras florais e a excelencia musical. Pola súa banda, o tenente de alcaldesa, Juan Carlos González Carrera, lembrou que o pregón, que terá lugar o domingo 31 de maio, marcará o inicio oficial das celebracións, cuxo día grande será o domingo 7 de xuño.

Rafael Carracedo Crespo, fliscorno solista da Unidade de Música da Garda Real e gañador do Trofeo MacCrimmon, nunha imaxe promocional como pregoeiro do Corpus Christi 2026 de Ponteareas.

Cada ano, milleiros de persoas visitan Ponteareas para contemplar as súas alfombras de flores, unha expresión colectiva elaborada polas veciñas e veciños alfombreiros que transforma as rúas nun auténtico museo ao aire libre e que constitúe unha das principais señas de identidade do municipio.

Unha traxectoria de excelencia

Licenciado en Trompeta polo Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, Rafael Carracedo obtivo o Premio Extraordinario de Fin de Grao Profesional e a Matrícula de Honra Fin de Carreira. Ampliou a súa formación no Mozarteum de Salzburgo e colaborou con formacións como a Orquesta Nacional de España, a Sinfónica de RTVE ou a Orquesta Sinfónica de Galicia.

No ámbito da música tradicional galega, foi profesor de gaita e requinta e colaborou con grupos como BellónMaceiras, Radio Cos ou Korrontzi. En 2017 publicou o libro A requinta da Ulla. Obradoiro Riobó, un traballo etnográfico de referencia. Como gaiteiro, suma numerosos premios, entre eles o Certame de Gaita e Tamboril de Tui e o Trofeo MacCrimmon de Lorient.

Co seu pregón, Ponteareas dará comezo a unha nova edición dunha festa que é patrimonio vivo de Galicia e embaixadora internacional da cultura ponteareá.