viernes. 29.03.2024

O Concello de Tui, a través da súa concellería de Cultura, conmemorará o CXXXI aniversario da celebración na nosa cidade dos Xogos Florais de Galicia. Tiveron lugar do 24 ao 26 de xuño do ano 1891 marcando un singular fito na historia de Galicia, ao ser o primeiro acto público celebrado integramente na nosa lingua.

Esta conmemoración consistirá na celebración dun recital poético o venres, 24 de xuño, ás 20.00 h na Praza de Frómista (fronte ao Teatro Principal que acolleu os actos centrais destes Xogos Florais), no que participarán as e os poetas: Marta Dacosta, Gonzalo Navaza, Lorena Conde e Marga do Val, acompañados por Marta Quintana que interpretará música de arpa.

Para a concelleira de Cultura do Concello de Tui, Sonsoles Vicente Solla, estes actos conmemorativos do CXXXI aniversario da celebración en Tui dos Xogos Florais de Galicia, “sitúan por uns días a nosa cidade como protagonista no ámbito da cultura de Galicia e evidencian unha vez máis, a singular achega de Tui á cultura de Galicia realizada ao longo do tempo, salientando este acontecemento dos Xogos Florais que supuxeron a recuperación da nosa lingua no ámbito público”.

Marta Dacosta, Gonzalo Navaza, Lorena Conde, Marga do Val  e Marta Quintana

Marta Dacosta Alonso (Vigo, 1966) docente de ensino medio comezou a publicar poesía na década de 1980, a través de colaboracións en diferentes revistas. O seu primeiro libro publicouse en 1993. Recibiu o accésit do premio Esquío e os premios González Garcés, Martín Codax, O Figurante e Johán Carballeira, entre outros. A súa obra foi recollida en antoloxías e traducida a varias linguas, sendo musicados algúns dos seus poemas ou incorporados a proxectos teatrais. Entre a súa obra poética destacan: Crear o mar en Compostela, Pel de ameixa, Setembro, En atalaia alerta, As Amantes de Hamlet, Cinsa, Acuática alma, Argola, Dun lago escuro, Na casa da avoa e Labirinto ou memoria.

Gonzalo Navaza (Lalín, 1957) escritor e tradutor é profesor do departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo. Ademais da súa actividade literaria -premiada co galardón da Crítica Española de poesía por Fábrica íntima (1991) e Libra (2000) e co Martín Códax e o San Clemente de narrativa por Erros e Tánatos (1998)- . Tamén é tradutor de numerosas obras de autores con Jack London, Charles Baudelaire, Arthur Conan Doyle, etc. Navaza destaca polo seu labor no campo da toponimia, no que é un destacado especialista e unha das grandes referencias en Galicia, sendo membro correspondente do Seminario de Onomástica desde o ano 2012. Foi elixido recentemente coma académico de número da Real Academia Galega.

Lorena Conde (Ponte Sampaio, 1980)  é dramaturga, directora de teatro, actriz, artista plástica, narradora e poeta. Escribe e dirixe teatro dende hai máis de 15 anos. é cofundadora das compañía Matrioshka e AFeroz. En 2016 gaña o XVIII Premio de poesía Miguel González Garcés con Entullo, o seu primeiro poemario. En 2020 faise co III Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil pola novela Velloucas & Minchas, co XXXVI Premio de poesía Cidade de Ourense polo poemario As puntas da louza. Cancioneiro de labor, e co I Premio de Poesía Filomena Dato polo poemario Ave do Paraíso. Tamén é autora do poemario O perfil da boca e os textos de teatro Santa Inés e As mil vidas de Dorotea.

Marga do Val (Vigo, 1964), nome literario de Marga Romero Lorenzo. É licenciada en Filoloxía Hispánica, Galego-Portugués pola Universidade de Santiago de Compostela w profesora de Ensino Medio de Lingua e Literatura Galega.  Crítica literaria e articulista en diversos medios, autora de varios poemarios (Entre dunas, Poemas pola memoria, Sarabia, A cidade sen roupa ao sol pola que obtivo o Premio da Critica en 2011), da novela O prognóstico da lúa e de varias adaptacións teatrais para a compañía viguesa "Teatro Arte Libre", así como a tradución de diversas obras literarias: Cousas da rapazas, de Peter Bichsel, en colaboración con Joachim Wormuth, A Casa da paixón, de Nélida Piñón e Randea do alento, de Herta Müller,  premio á tradución da  Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) no ano 2011. Autora de diversos ensaios sobre Otero Pedrayo, Rafael Dieste, Carolina Otero (La Bella Otero) e Lorenzo Varela. Marga do Val está estreitamente vinculada á nosa cidade.

Pola súa banda neste recital se conta coa participación na parte musical de Marta Quintana (Pereiras – Mos, ) que interpretará diversas pezas coa súa arpa. Fórmase no Conservatorio de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios de Vigo, na aula de Arpa dirixida por Rodrigo Romaní. Diplomada en Graduado Social pola USC e Diplomada en Educación pola USC coa especialidade de Música. Estudiou no Conservatorio Histórico de Santiago de Compostela. Fundou  dúo Sete Saias co que realizou un traballo discográfico (2006) considerado unha das mellores iniciativas musicais dese año. Como arpista e cantante compartiu escenario con Budiño, Mercedes Peón, tocando para o Xacobeo, no Festival Intercéltico de Lorient (Francia) representando a Galicia (2009. No ano 2011 autoedita e produce "Amable" e representa a España no Festival Mundial de Arpa de Paraguai, continúa tocando en numerosos escenarios. No 2014 produce e edita “Lus” baseado en textos do poeta Díaz Castro. Na actualidade é directora do Colexio Rural Agrupado “Mestra Clara Torres” de Tui.

XOGOS FLORAIS DE GALICIA, TUI 1891

Estes actos rememoran a celebración na nosa cidade o 24 de xuño de 1891 dos Xogos Florais de Galicia, primeiro acto público realizado integramente na nosa lingua, e que organizados pola Asemblea Rexionalista Galega, premiaban composicións en galego e castelán de diversos xéneros, como no caso tudense, a poesía. O primeiro presidente da institución, Manuel Murguía, converteríase aquel día no primeiro intelectual en dirixirse ao público en galego, lendo un discurso que constitúe un compendio do seu pensamento historicista e reivindicador, sinalando que o principal obxectivo era "o renacemento dunha nacionalidade case morta e esquecida por medio da literatura, das tradicións e da historia".

Na cidade de Tui unha Xunta Rexionalista, integrada por Manuel Fernández de Herva, como presidente,  xunto a Eduardo Caballero Canals, o cóengo Antonino Cerviño González, Juan Areses Alonso, o tamén cóengo Manuel Lago González, Juan Álvarez Cardero, Indalecio Rodríguez de Córdoba, Justo Salvador Fortes, Leoncio Comesaña González, Vicente García Rivera e Martín Díaz Spuch, organizaron, como representantes do Consistorio dos Xogos, un amplo programa que supuxo incluso o traslado das festas patronais de San Telmo. Do amplo programa desenvolvido salienta o propio acto dos Xogos, xunto a un concurso de gaiteiros, un banquete "rexionalista" ou a función solemne de San Telmo na Catedral tudense coa actuación da orquestra catedralicia dirixida polo mestre Manuel Martínez Posse. Destacan no programa destes Xogos ás intervencións de Manuel Murguía, Salvador Cabeza de León ou Alfredo Brañas pero tamén as achegas tudenses: o discurso de Manuel Lago, como voceiro da Xunta Rexionalista de Tui, no acto celebrado no Teatro Principal e titulado “Gabanza da lingua galega” así como o chamado “sermón rexionalista” pronunciado polo cóengo tudense Antonino Cerviño na catedral de Tui.

Para a cidade de Tui estas actos de lembranza daquelas xornadas supoñen evidenciar, nunha nova oportunidade, a singular achega da nosa cidade á cultura de Galicia realizada ao longo do tempo salientando este acontecemento dos Xogos Florais que supuxeron a recuperación da nosa lingua no ámbito público.

Este recital poético está organizado polo Concello de Tui e conta coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra.

Celebración dun recital poético tudense
Comentarios