O Concello de Tui modificará o proxecto de reforma da Praza da Estrela tras o importante achádego arqueolóxico realizado nas catas previas ás obras da nova rede de pluviais. Os traballos sacaron á luz un tramo da muralla medieval do século XII, así como peças cerámicas, muros e pavimentos de diferentes épocas, que permitirán afondar no coñecemento histórico da cidade.
As escavacións, vinculadas ao proxecto municipal destinado a corrixir os afundimentos e o deterioro da praza causados polo mal estado das antigas canalizacións, tiñan como obxectivo inicial renovar o saneamento e a pavimentación do espazo para mellorar a seguridade e a evacuación das augas. Porén, o achado destes vestixios históricos supón un punto de inflexión na intervención.
O Concello, en colaboración coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, adaptará o proxecto para compatibilizar as actuacións de infraestrutura coa conservación e posta en valor do patrimonio atopado. Neste proceso participa un equipo técnico multidisciplinar formado por enxeñeiros, arquitectos, arqueólogos e historiadores, co fin de garantir a máxima rigorosidade científica e técnica.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou que “estes achados confirman, unha vez máis, a riqueza patrimonial que agocha o subsolo tudense. A nosa obriga é protexela e facela visible e accesible á cidadanía”, subliñando o compromiso do Concello coa conservación do legado histórico da cidade.
O equipo técnico traballa xa na integración dos restos da muralla e das estruturas atopadas no proxecto final da praza, de maneira que o espazo público manteña a súa funcionalidade urbana e, ao mesmo tempo, se converta nun lugar de interpretación e divulgación do pasado romano e medieval de Tui.
Deste modo, o Concello reafirma a súa vontade de actuar con transparencia, respecto polo patrimonio e colaboración interinstitucional, convencido de que esta actuación enriquecerá a identidade cultural e turística de Tui, poñendo en valor un legado histórico que durante séculos permaneceu oculto baixo o chan da cidade.
