O 31 de decembro deste ano, un martelo de prata ha petar tres veces contra un muro. O tabique caerá, varrerase o cascallo cun ramo de oliveira, e o que onte era parede volverá ser lugar de paso bendecido polo Arcebispo de Santiago. A Porta Santa da catedral de Compostela recupera a súa condición cando o 25 de xullo cae en domingo, como sucederá en 2027. É, seguramente, a única porta do mundo que se abre, non con chaves, senón co propio tempo.
No outono de 1962, acompañado do fotógrafo Magar, do Faro de Vigo, Cunqueiro recorreu o Camiño de Santiago desde o Cebreiro a bordo dun Seat 600 ao que bautizara —como non— co nome de Don Gaiferos. A senda estaba tan moribunda, que unha señora, cando os viu, preguntoulle a Magar se eran da Deputación e se viñan arranxar a estrada. -”Non, señora, somos peregrinos”. Ela respondeu: - “Hai dous anos que pasou un”.
Cunqueiro volveu sobre a ruta, desta volta desde Roncesvalles, en 1964, antevíspera do gran Xubileo de 1965. Percorre de novo as vellas estradas. O Camiño xa é outro: está a recuperar importancia e o propio escritor traza con man rexa os lugares canónicos do itinerario en dirección á estrela guía que é Santiago. É entón cando se define, con orgullo heráldico, como católico, apostólico, romano e compostelán. Unha declaración de principios que non era dogma, senón pura pertenza a unha xeografía á vez sagrada e imaxinaria.
Ía de viaxeiro, confesábao, finxindo ser peregrino. E esa talvez sexa, á fin de contas, a peregrinación máis honesta que hoxe cabe ter: a de quen non sabe se cre, pero si que algo chama por el. No Ano Santo que vén, centos de miles de persoas han atravesar o limiar da Porta Santa sen ter moi claro se buscan a Deus, a si mesmas ou só o final dunha etapa. Cunqueiro absolveríaas a todas, mesmo aos turistas: el inventou, antes ca ninguén, ao peregrino da imaxinación.
No Camiño non hai finados pretéritos: hai peregrinos que avanzan, sexan do tempo que sexan, porque a ruta xacobea non deixa de ser para Cunqueiro outra Porta Santa aberta cada día de par en par. Nas súas crónicas, os viaxeiros medievais camiñan canda os do século XX sen estrañeza ningunha: reaparece don Gaiferos de Mormaltán, o cabaleiro que chegou vello e cego só para morrer ante o Apóstolo. Calquera de nós pode cruzarse no itinerario dunha mañá de primavera cun trobador provenzal ou co orondo Falstaff; mesmo con Ashavero, o Xudeu Errante que pasou por Compostela no ano 1267, por esas mesmas rúas que pisaron estudantes e onde os peregrinos aínda soportan sen sabelo os ecos presentes dos pasos de Carlomagno ou Don Roldán. O Camiño de Cunqueiro é, en palabras súas, «eterno coma un río», un mapa onde hai «máis miragres que leguas». Así se reflectiu no IV Encontro Álvaro Cunqueiro da USC, celebrado os pasados 27 e 28 de xuño en Mondoñedo da man de Armando Requeixo, quen, con moito tino, o subtitulou “Camiño ao Norde”.
Por iso, cando o martelo de prata volva derrubar o muro da Quintana o día de San Silvestre, valerá a pena lembrar que ese xesto solemne só repite o que un home de Mondoñedo ben sabía cada vez que escribía sobre o Apóstolo: a porta do tempo non se abre con martelos; ábrese coa imaxinación. Para quen le a Cunqueiro, en Compostela sempre é Ano Santo, e sempre está ao Norde.
