jueves. 09.05.2024

Impresionismo

A maneira de ir pola rúa cando temos presa é totalmente diferente de cando saímos a pasear. Por iso, así como cando imos acelerados non absorbemos case nada do ao redor porque a mente, ensimesmada, non ten espazo para máis; mentres imos en modo descanso multiplícase a nosa capacidade de recibir imputs.    

A maneira de ir pola rúa cando temos presa é totalmente diferente de cando saímos a pasear. Por iso, así como cando imos acelerados non absorbemos case nada do ao redor porque a mente, ensimesmada, non ten espazo para máis; mentres imos en modo descanso multiplícase a nosa capacidade de recibir imputs.    

No paseo en modo descanso que fixen por Santiago o último fin de semana, como non tiña presa, puiden tomarlle o pulso á cidade dun xeito que non tiña a oportunidade de facer dende hai tempo.

As conclusións que sacas dos curtos comentarios que escoitas con quen coincides un instante, loxicamente, non representan o sentir xeral. Sobre todo porque dependen moito de se é inverno ou verán -no que os peregrinos son maioría- e a hora e a ruta elixidas.

O primeiro que me atopei ao saír de casa foi un debuxo na entrada dun bar que dicía: “Hoxe é un agasallo: sorrí”. Para comezar, non está mal. Aos poucos minutos, un cativo preguntou a súa nai se o charco que tiña diante era pipí; contestándolle esta: “Non, é auga, non viches que pola mañá choveu?”.

Pararse nun escaparate dunha tenda de roupa da para moito.  “Que bonita é esta parka -dixo un-, ¡pero costa 160 euros!”. A opinión das mozas que chegaron despois era diferente, pois ao comentario de “Que cousas máis bonitas!” da primeira, foi contestado cun expeditivo “Non digas parvadas, son unha horterada!”.

Nas terrazas dos bares, como a xente está relaxada, hai que poñer ben a orella. Na primeira pola que pasei, unha moza queixábase de que outra entrou na lavandería dicindo: “Mira o meu abrigo de plumas..., isto é pavonear!”. Noutra terraza quen pavoneaba era un mozo:  “As poucas veces que perdín non quería gañar porque, sempre que quero gañar, gaño!”.

Pasar pola rúa do Franco sen que che ofrezan tarta de Santiago é imposible. “Collemos unha tarta pequeniña para probar”, dixeron uns. O grupo de turistas que ía diante de min, en cambio, resistiuse ata tres veces. E logo de que un deles se puxera a andar máis rápido porque ían moi lentos e poucos segundos despois volveran a ofrecerlle outro anaco de tarta, díxolle á dependenta: “Deille a estes que veñen por detrás, que son moi doces!”. Que puñeteiro.

Xa na Alameda, ao ver a figura de Valle Inclán sentado nun banco, un neno preguntou aos seus pais: “Quen é?: é Einstein!”; e o achegarse cambiou de opinión dicindo: “Non, son eu!”. Poucos metros máis adiante, unha nai -máis culta-, dixo á súa filla: “Mira que ben cheiran os eucaliptos!, imos a coller unha folla e levámola a casa”. E cando a nena comezou a coller follas, engadiu que con unha bastaba.

Os imputs que absorbemos na rúa cando paseamos non recollen toda a realidade, pero nutren o noso interior con puntos de vista e perspectivas novas. Como o impresionismo, que reflicte a luz e o instante reproducindo a impresión que causan as cousas nos ollos, pasear -aínda que chova- é unha delicia. É máis se é en Santiago, onde a choiva é a arte confúndese.

 

Impresionismo
Comentarios