jueves. 15.01.2026

Benvido 2026!

Os calendarios sen fotos ou debuxos, que marcan soamente o día, son útiles para organizarnos e planificar; pero só cobran vida cando sabemos enchelos de imaxinación, tenacidade e ilusión.
Ilustración DL-G.
Ilustración DL-G.

Sempre que comeza un novo ano a imaxinación dispárase, dicíndonos: Este ano farei realidade os meus desexos, este ano si! Será que o calendario, ao cambiar de díxito, quere dar ánimos a quen o estrea?

A verdade é que un misterio, pois os calendarios limítanse a marcar en cor negra ou vermella os días sen dicirnos nada do que viviremos. Aínda que algúns, a través das incribles formas e o colorido das fotografías que introducen cada mes, como o Calendario Gaudí 2026 que me enviou miña irmá pequena, son unha clara invitación a soñar.

Os calendarios sen fotos ou debuxos, que marcan soamente o día, son útiles para organizarnos e planificar; pero só cobran vida cando sabemos enchelos de imaxinación, tenacidade e ilusión.

Empezar o novo día de brazos cruzados, conformándonos co que poida pasar, é un insulto ao que temos por diante. O calendario lémbranos en que día estamos, cunha páxina en branco que nos corresponde colorear, converténdonos en protagonistas: Non si?

Para enchelo de cousas que vallan a pena o primeiro é soñar como cando eramos nenos e, unha vez decidido, toca aplicarse para acadalo; xa sexa ser perruqueiro, médico ou chef.

No libro O home en busca de sentido, Viktor Frankl conta como a maioría das persoas que sobreviviron nos campos de concentración nazis eran quen tiñan un ideal ou unha razón de ser. Xa fora volver a ver a súa familia, a esperanza en Deus ou volver ao seu país para axudar a reconstruílo. E unha lenda china din que para chegar á cima dunha gran montaña, non hai nada como saber que cada paso que damos é un paso menos para alcanzar o que perseguimos.

A ilusión para acadar os nosos soños é o que nos da forza para alcanzalos. Como os paxaros que suben moi alto impulsados polo vento sen cansarse, aínda que pareza imposible.

E, todo isto, co compromiso de pór os nosos pinceis a disposición de quen o necesite. Como tantas veces fixeron con nós quen nos queren, con independencia dos díxitos do calendario.

Benvido 2026!
Comentarios