lunes. 03.11.2025

Optimismo

Foi Woody Allen quen dixo que “o home se divide en corpo e mente, pero o corpo se divirte máis”. Unha frase máis enxeñosa ca verdadeira, porque son moitas as cousas coas que a mente goza: a poesía, a música, a contemplación, a lectura, o estudo, o reto intelectual… 

Foi Woody Allen quen dixo que “o home se divide en corpo e mente, pero o corpo se divirte máis”. Unha frase máis enxeñosa ca verdadeira, porque son moitas as cousas coas que a mente goza: a poesía, a música, a contemplación, a lectura, o estudo, o reto intelectual… E o amor. O amor –sexa como for: de pai ou nai, de fillo, de irmán, de amigo, de esposo ou esposa…– ten sempre un aspecto corporal –precisa do corpo para ser expresado–, pero tamén outro inmaterial, espiritual, mental. Como queramos chamalo.

En calquera caso, a frase de Allen sérveme como introdución doutra de meu coa que quero entrar xa de cheo no miolo deste artigo: os homes divídense en optimistas e pesimistas, pero os optimistas divírtense máis.

Durante todo o século XX –centuria de existencialismos, nihilismos e tantos outros ismos desesperanzados–, o pesimismo tivo un certo prestixio intelectual que aínda hoxe conserva en parte, mentres que o optimismo foi tachado, no mellor dos casos, de inxenuo, como se o optimista vivise fóra da realidade. Pero tan realista é o optimismo coma o pesimismo. Os dous atopan na realidade razóns abondas para se xustificar. No mundo hai cousas boas e malas, motivos para nos alegrarmos e para nos entristescermos. A realidade é neutral; a tristeza non é máis real ca a felicidade. Como din os psicólogos, a felicidade non depende do que nos pasa, senón de como interpretamos o que nos pasa. E podemos interpretalo con optimismo ou con pesimismo. O optimismo non implica unha interpretación positiva dos eventos negativos, senón procesar estes dunha maneira máis abstracta e distante que nos axude a mitigar o seu impacto emocional negativo. É o realismo optimista –o optimismo desde e para a realidade–, termo acuñado por Steven Southwick, profesor da Universidade de Yale (EEUU), que consiste en escollermos a alternativa que, malia ser máis difícil, será máis produtiva.

O pesimismo instálanos na pasividade e na desesperanza, mentres que o optimismo lévanos á acción e á esperanza. Só o optimismo é construtivo. Desde o pesimismo non podemos construír nada. Pero, claro, o optimismo esíxenos un exercicio da vontade. E unha aprendizaxe. A ser optimista apréndese.

Como sostén o filósofo Javier Sádaba, “o optimismo é optimizar o que un ten, é unha actitude ante a vida. O pesimismo nega a liberdade humana, é un determinismo, pensa que o destino manda. Aprender a ser optimista é aprender a valorar a liberdade, a amarse a si mesmo, a actuar como si as cousas se puidesen mellorar”. E pódense, engado eu. Obsérvese, por certo, que Sádaba non di “como si as cousas pudesen mellorar”, senón “se pudesen”. É dicir, somos nós os que as temos que mellorar. Elas non van mellorar por si mesmas. O mesmo pensa o psiquiatra Luis Rojas-Marcos: "O optimismo é a esperanza activa. A confianza en nós mesmos e en que podemos mudar o que non nos gusta ou o que nos doe. É, literalmente, o contrario a ‘que sexa o que Deus quixer”. O optimismo ten tres compoñentes: a alegría, a esperanza e a confianza en que un é dono do seu destino.

Algún autor chegou mesmo a acusar os pesimistas de pouco humildes e de cobardes, por se asustar cos cambios, e eu estou bastante de acordo.

Remato cun apuntamento do ecoloxista e pacifista indio Satish Kumar que vén engadir un aspecto ben interesante a todo isto: “Ás veces estou máis decaído, pero son un optimista. É mellor facer algo que estar todo o día queixándote. Ademais, o mundo debemos celebralo en vez de só intentar melloralo. Alegrémonos do que hai aquí. O resultado non é o que importa”.

Celebremos o mundo.

Optimismo
Comentarios