domingo. 08.12.2024

Malos

"(...) Pasamos de considerar a bondade coma un mal menor –hai que ser bo, aínda que iso ás veces nos traía males– a exaltar a maldade coma un ben maior –hai que ser malo, porque é marabilloso: danos poder, éxito, diñeiro…–. (...)"
carolina-herrera-its-so-good-to-be-bad-80.90-600x600

Lémbrome agora da excelente adaptación cinematográfica que o oscarizado José Luis Garci fixo de El abuelo, a novela de Benito Pérez Galdós, en que o personaxe interpretado por Rafael Alonso, con bágoas nos ollos, di: “Que malo é ser bo!”, porque todos se aproveitan da súa bondade e o maltratan. Lémbrome dela logo de ver por enésima vez ese anuncio do último perfume de Carolina Herrera cuxo eslogan reza xusto o contrario: “It’s so good to be bad”; e dicir: “Que bo é ser malo”, como viña afirmar Mae West: “Cando son boa, son boa, pero cando son mala, son mellor”. Pasamos de considerar a bondade coma un mal menor –hai que ser bo, aínda que iso ás veces nos traía males– a exaltar a maldade coma un ben maior –hai que ser malo, porque é marabilloso: danos poder, éxito, diñeiro…–.

Todo isto faime lembrar tamén –pero neste caso é un recordo reconfortante– un capítulo de “Imprescindibles” –o extraordinario programa da 2 de TVE– en que Ana Belén confesaba que o que máis admira de Víctor Manuel, o seu home, é a bondade. Daquela, as palabras da cantante trouxéronme á mente ao propio Víctor noutra aparición televisiva corenta anos atrás, cando eu tiña uns quince –creo que en “Esta noche”, de Fernando García Tola, presentado por Carmen Maura–, en que lle preguntaban polos seus fillos e respondía que o que desexaba por riba de todo era que fosen “boa xente” (ollo, non dixo “felices”, unha resposta tan recorrente hoxe).

A mín tamén me pareceu sempre que a bondade é a meirande das virtudes –moi por riba da intelixencia e non digamos da beleza, un puro accidente que murcha axiña–, pero é sabido que, dende hai moito tempo, non cotiza ao alza na nosa sociedade, como xa presaxiaba El abuelo e confirma definitivamente o anuncio de Carolina Herrera. Son moitos os (malos) que confunden a bondade coa estulticia e se recrean dicindo esa parvada de que lles gustaría ir ao inferno antes que ao ceo porque no inferno se pasa mellor. Pois nada, que vaian indo para alá. O malo é a cantidade de cadáveres –figurados e literais– que deixan ao seu paso.

 

Malos
Comentarios