Vén de cumplirse o cincuenta aniversario do pasamento da cantante Cecilia, finada o dous de agosto de 1976 nun accidente de circulación á temperá idade de vinte e sete anos.
Cecilia (nome artístico de Evangelina Sobrado Galanes) ten sido na miña opinión a mellor cantautora española de todos os tempos, malia a súa breve carreira musical. Só se lle achegou Mari Trini (e digo apenas “achegou”), e iso que esta gravou vinte e dous LP de estudo, fronte aos unicamente tres de Cecilia. En calquera caso, Mari Trini foi contemporánea da nosa protagonista, pois naceu un ano antes. Despois, ata o día de hoxe, teñen xurdido moitas outras cantautoras, pero só Rosana pareceu por algún momento ser quen de se aproximar a Cecilia, o que finalmente nunca conseguiu.
A nosa protagonista naceu en Madrid, pero tivo unha infancia itinerante e unha educación cosmopolita por mor do traballo do seu pai, militar e diplomático, quen foi cónsul e embaixador en varios países do mundo. Cecilia viviu en Reino Unidos, EEUU, Portugal, Arxelia e Xordania, e aprendeu a falar en inglés asemade que en español; de facto, as súas primeiras cancións foron no idioma de Shakespeare.
Pero, malia este cosmopolitismo, Evangelina estivo vencellada a Galicia por dous motivos: a orixe dos seus pais (el era de Ferrol e ela de Vigo) e a súa morte. A cantautora faleceu nun accidente de tráfico á altura do termo municipal de Colinas de Trasmonte, na provincia de Zamora, a doce quilómetros de Benavente, cando o coche en que viaxaba cos seus músicos bateu de madrugada contra un carro de bois. Volvían de Vigo, onde Cecilia acababa de ofrecer o que sería o seu derradeiro concerto, na famosa sala Nova Olimpia.
A cantante comparte este vencello circunstancial con Vigo (alén da súa relación familiar con esta cidade por parte de nai) con outro cantautor da súa xeración, o valenciano Joan Baptista Humet, nacido en 1950, só un ano e tres meses despois dela. No caso deste, por un motivo feliz: o seu primeiro premio no festival Dorna en 1971, coa canción “Kristine”. Humet foi un cantautor moi infravalorado. Para min, o mellor español despois dese triunvirato formado por Joan Manuel Serrat, Luis Eduardo Aute e Víctor Manuel (póñanos vostedes na orde que queiran).
Permítaseme rematar esta semblanza de Cecilia co gallo do cincuenta aniversario do seu pasamento cunha anécdota persoal, ou máis ben semipersoal, acuñando un neoloxismo. O meu irmán Alberto, que acaba de morrer, exerceu o xornalismo moi noviño e contábame que en certa ocasión entrevistou a cantante no seu camerino xusto antes ou despois dunha actuación. Como proba da naturalidade da cantante, dicíame que ela lle pediu que a axudase a vestirse subindo a cremalleira que o seu vestido tiña ás costas.
Como sinalaba máis arriba, a cantautora só tivo tempo de publicar tres LP en vida. Todos contiñan grandes cancións: “Nada de nada”, “Amor de medianoche”, “Doña Estafaldina”, “Señor y dueño”, “Dama dama”, “Mi querida España, “Me quedaré soltera”, “Un millón de sueños”, “Andar”… Pero “Un ramito de violetas” eclipsou todas, por desgraza, porque, sendo unha gran canción, asombrou outros temas excelentes.
Cincuenta anos despois da súa morte, Cecilia aínda vive e segue a ser a “dama dama” da canción de autor en España.
