jueves. 12.02.2026

Autoodio

 O autoodio é un concepto acuñado polo nacionalismo galego –supoño que tamén polo catalán e mais o vasco nos seus contextos– para se referir aos galegos desleigados, é dicir, a aqueles (segundo explica o RAG) que non manifestan demasiado apego, afecto ou amor pola terra en que naceron.
Ilustración DL-G.
Ilustración DL-G.

Leo na prensa que Sílvia Orriols, a presidenta dese partido político xenófobo e supremacista que se chama Aliança Catalana, escribiu o pasado mércores 4 de febreiro na súa conta de X: “A min, se me preguntan se odio a España (como concepto), respondo que si sen dubidar”. Escribiuno en catalán, claro. Aquí o traduzo.

Mais ao que vou. Semellante declaración da Orriols paréceme un exemplo perfecto de autoodio. O autoodio é un concepto acuñado polo nacionalismo galego –supoño que tamén polo catalán e mais o vasco nos seus contextos– para se referir aos galegos desleigados, é dicir, a aqueles (segundo explica o RAG) que non manifestan demasiado apego, afecto ou amor pola terra en que naceron. Pero isto non é autoodio; é, simplemente, complexo de inferioridade.

O verdadeiro autoodio é o que senten eles cando, coma Orriols, odian a España, cando presumen de odiar a España. Porque, queiran ou non, son españois. Pero non porque o diga eu nin porque ninguén llelo impoña, senón porque Galicia, Cataluña e o País Vasco forman parte de España desde que esta existe como tal. “España” deriva de “Hispania”, o termo que os romanos deron á península ibérica. Desde entón, todos os pobos peninsulares, incluídos os galaicos, os vascóns e os actuais cataláns –mesmo os portugueses– son “españois”. Despois, cos Reis Católicos, naceu España como Estado, por suposto cos galegos, os vascos e os cataláns dentro. España non se anexionou Galicia, o País Vasco ou Cataluña. Nunca existiu unha España sen eles e nunca eles –agás Galicia, cousa que os vascos e os cataláns ignoran ou agochan– tiveron estruturas estatais de seu. Digo “agás Galicia” porque foi aquí onde os suevos crearon o primeiro Estado medieval da Europa Occidental tras a caída do Imperio Romano. Outra cousa é que os galegos, os vascos e os cataláns non sexamos casteláns. Pero tampouco os asturianos ou os murcianos o son, e no van por aí falando de “España e nós (“España contra nós”, para sermos máis exactos), como fan os nacionalistas galegos, vascos e cataláns. España é unha nación plural e diversa per se, coma non hai outra no mundo. A súa esencia está na súa unidade na diversidade. A maneira de ser español en Galicia é ser galego; a maneira de ser español no País Vasco é ser vasco, e a maneira de ser español en Cataluña é ser catalán. Por iso son fundamentais as liberdades rexionais, chámense foros ou estatutos de autonomía. Pero ben entendidos, ben redactados e ben aplicados.

A carraxe dos nacionalistas galegos, vascos e cataláns contra España é, pois, autoodio, e só hai unha cousa peor ca o odio: o autoodio. Porque o odio é, efectivamente, algo terrible. A RAG defíneo como o “sentimento violento de antipatía cara a algo ou alguén que leva a desexar o seu mal”. Ten, polo tanto, tres compoñentes espantosos: violencia, antipatía e desexar o mal a outros. Pero o máis intolerable é que estes odiadores profesionais, estes sacos de odio, teñen inventado iso que eles chaman “delito de odio” coma unha arma máis para aldraxar a aqueles aos que odian. O mundo ao revés.

Pois nesas estamos. Rodeados de xente que odia e se odia. E que, en consecuencia, fan moito mal a todos e fanse moito mal a si mesmos.

Autoodio
Comentarios