viernes. 29.03.2024

Produtos de valor engadido mediante o bioprocesamento de insectos

Galinsect puido poñer en marcha un proxecto piloto para a produción de produtos elaborados mediante o bioprocesamento de insectos, que engadan valor á vez que se busca unha elaboración sostible e se aumenta a competitividade da súa propia empresa, coa intención de empregalo como alimentación animal.
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria visitou a sede da empresa Galinsect, promotora deste proxecto.
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria visitou a sede da empresa Galinsect, promotora deste proxecto.

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, visitou hoxe a sede de Galinsect, empresa beneficiaria dunha axuda da Xunta de máis de 145.000 euros no marco da convocatoria de 2021 para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal. Grazas á achega concedida, e en colaboración coa Universidade de Vigo e coa Fundación Empresa Universidade Galega, Galinsect puido poñer en marcha un proxecto piloto para a produción de produtos elaborados mediante o bioprocesamento de insectos, que engadan valor á vez que se busca unha elaboración sostible e se aumenta a competitividade da súa propia empresa, coa intención de empregalo como alimentación animal.

En concreto, o proxecto consiste nunha serie de fases, que se desenvolven dende o mes de abril de 2021 ata xullo de 2023. En primeiro lugar, criaranse os propios insectos acondicionando e preparando o seu alimento, á vez que se segue o seu crecemento, tras o que se preparará a materia prima do proxecto mediante a elaboración de fariñas de insecto.

Neste segundo ano do plan estanse a elaborar as enzimas mediante as cales a fariña de insecto producida será bioprocesada e optimizada para posteriormente preparar a súa comercialización a partir de decembro, xa entrados no terceiro e derradeiro ano do produto. A experiencia concluirá coa parte analítica do proxecto, que consistirá nunha análise tecnoeconómica e noutra focalizada no ciclo vital do proceso antes de finalizar co estudo de mercado dos produtos elaborados, que se estenderá máis aló da finalización do plan en xullo de 2023.

Entre os resultados agardados preténdese a utilización dos insectos como fonte de proteína con alto coeficiente de dixestibilidade así como de baixo custo e impacto ambiental. Isto permite ademais obter diversos produtos con valor engadido como, por exemplo, ácidos graxos poliinsaturados susceptibles de ser comercializados como suplemento alimenticio de alto valor nutricional ou diversos derivados da quitina con actividades prebióticas, antimicrobianas, antivirais e antioxidantes.

Con este proxecto, Galinsect pretende obter unha serie de produtos novos no mercado á vez que aumenta o valor do producido e a competitividade da propia empresa dun xeito sostible e ecolóxico no eido da elaboración de ingredientes para o seu aproveitamento como alimentación animal. Así mesmo, tamén se pretenden empregar os subprodutos que se orixinen, máis aló do obxectivo principal, para asegurar que o proxecto sexa rendible á vez que se reciclan dándolles unha utilidade non vista ata agora, debido ao seu alto contido en quitina. Isto inclúe os residuos non consumidos polos insectos e, posiblemente, o abono xerado e a recuperación da quitina que posúen os insectos adultos.

Produtos de valor engadido mediante o bioprocesamento de insectos
Comentarios