A Casa da Cultura de Begonte acollerá este sábado, 8 de novembro, a partir das 10:00 horas, a Xornada de posta en valor da Reserva da Biosfera Terras do Miño, unha iniciativa promovida polo Concello de Begonte a través da súa Aula da Natureza, co apoio da Xunta de Galicia, o Goberno de España e a Unión Europea.
O encontro, de carácter aberto e con inscrición gratuíta, servirá para poñer en valor os recursos naturais e humanos deste territorio, impulsando o emprendemento rural, a mellora das pequenas explotacións agrícolas e gandeiras e a conservación dos hábitats como motor de desenvolvemento económico e social.
A xornada contará coa participación de investigadores, profesionais e representantes de diferentes entidades vinculadas á conservación da natureza e ao desenvolvemento rural sostible. No programa destacan as intervencións de César Agustín Blanco Arias, da Universidade de Santiago de Compostela; Marcos Besada Álvarez, da asociación Espazo Agroecolóxico A Estruga; e Marta Luisa Silvarrey Casanova, do estudo Boconti.
A conselleira de Medio Rural, María José Gómez Rodríguez, intervirá ás 12:45 horas, e o profesor Francisco José Peña Castiñeira, recoñecido científico e divulgador ambiental, pronunciará a conferencia maxistral “Posta en valor do patrimonio natural galego: rumbo á saúde ambiental planetaria”, baseada no seu último libro Rumbo a la salud ambiental planetaria y a un mundo nuevo.
A clausura correrá a cargo de Xosé Ulla Rocha, alcalde de Begonte, nunha xornada que pretende fortalecer o papel das Reservas da Biosfera como espazos de equilibrio entre natureza e progreso, e concienciar sobre a importancia de preservar o noso patrimonio natural.
