As accións, en formato telemático e presencial, celebraranse do luns 27 ao xoves 30 de outubro e afondarán en áreas clave como o deseño 3D, a rendibilidade de aloxamentos, o comercio electrónico e a metodoloxía Lean Startup para proxectos emprendedores.
Pontevedra, 26 de outubro de 2025 - A Deputación de Pontevedra, a través da súa Rede SmartPeme+, organiza catro novos obradoiros de capacitación tecnolóxica dirixidos ao tecido empresarial da provincia, que se desenvolverán a vindeira semana, do luns 27 ao xoves 30 de outubro. Todas as actividades requiren inscrición previa e combinan o formato telemático e presencial.
A programación arranca o luns 27 de outubro co obradoiro en liña “OnShape 5-Montaxe ou ensamblado de pezas” (11:30 horas, oficina de Barro). Impartido por Manuel Tornos, a sesión ensinará aos participantes a unir e conectar diferentes pezas nun só proxecto explorando as ferramentas de montaxe 3D para simular o funcionamento dun produto.
O martes 28 de outubro terá lugar o único obradoiro presencial, “Como calcular a rendibilidade do teu aloxamento” (11:00 horas, oficina de Vigo). Patricia Cabaleiro, licenciada en Turismo, guiará aos asistentes na análise de custos fixos e variables para calcular o punto de equilibrio e a rendibilidade dunha propiedade de aloxamento.
O mércores 29 de outubro desenvolverase o obradoiro telemático “Woocommerce I. A solución que buscabas para vender por Internet” (12:00 horas, oficina de Vigo). A experta en márketing dixital María Aller mostrará como crear e xestionar tendas en liña co plugin gratuíto de WordPress, Woocommerce.
Para rematar a semana, o xoves 30 de outubro celebrarase en liña “Introdución ao Lean Startup” (12:00 horas, oficina de Ponteareas). Sabela Álvarez achegará aos participantes os principios básicos desta metodoloxía, un enfoque práctico e dinámico para crear e xestionar novos proxectos emprendedores.
A Deputación de Pontevedra destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para o asesoramento de emprendedores, autónomos e pemes, cun obxectivo de atender ata 2.500 usuarios ao ano e impartir arredor de 200 actividades formativas. A rede conta con oficinas de asesoramento en Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo.
