viernes. 26.04.2024

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha nova convocatoria dotada con preto de 6M€ para seguir apoiando o emprendemento innovador. En concreto, esta liña de axudas financiará a posta en marcha de arredor de 20 proxectos empresariais cun alto compoñente investigador e tecnolóxico. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 30 de setembro.

Así, a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), dirixe esta convocatoria aos 15 proxectos excelentes galegos que recibiron boa puntuación na ultima convocatoria estatal do programa Neotec e que non obtiveron financiamento por falta de crédito. Como novidade, este ano tamén poderán concorrer a esta liña de axudas as mellores start ups do resto de España que tamén superasen os limiares establecidos na convocatoria de Neotec 2021 e que trasladen a súa sede social e de traballo a Galicia. Impúlsase así a atracción de talento cara a Comunidade, que ofrece un completo ecosistema de incentivos e de socios estratéxicos para impulsar o emprendemento innovador.

Deste xeito, o Goberno galego cumpre co seu obxectivo de que ningún bo proxecto quede nun caixón por falta de apoio e destinará axudas de ata un 85% do orzamento dos proxectos cun importe máximo de 325.000 euros por iniciativa para que poidan levar a cabo os seus plans de negocio durante os anos 2022 e 2023.

Con estes apoios, o Goberno galego segue apostando pola innovación como factor clave para impulsar a recuperación, no convencemento de que o estímulo ás empresas con alto potencial de crecemento e que contribúen á transferencia de coñecemento deben ser unha prioridade para garantir a transición cara modelos empresariais máis competitivos e de valor engadido.

Na primeira convocatoria, a Xunta impulsou 13 proxectos con axudas de 2,9M€ no eido das TIC, da modernización dos sectores primarios galegos ou na diversificación de sectores tractores galegos e os seus auxiliares a través dun uso intensivo de tecnoloxías facilitadoras.

Esta liña complementa outras actuacións do Goberno galego como a Estratexia de impulso ás pemes, os préstamos IFI Innova, a aceleradora de comercialización internacional da innovación Galicia Avanza ou o traballo que se realiza a través das incubadoras e aceleradoras galegas.

6 M€ para impulsar o emprendemento innovador
Comentarios