domingo. 19.05.2024

A Xunta de Galicia convidou hoxe a máis de 370 profesionais da tecnoloxía e da investigación a achegar solucións novidosas á xestión hídrica a través do proxecto ‘Innovaugas 4.0’, dotado con 7 millóns de euros.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, xunto coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e a directora de Gain, Patricia Argerey, presentáronlles hoxe por videoconferencia esta iniciativa os axentes do mercado da innovación.

Ethel Vázquez subliñou que é un proxecto estratéxico, non só polo seu orzamento, cofinanciado polo Fondo europeo FEDER, senón tamén porque contribuirá a unha mellor xestión da auga e por tanto, a acadar unha Galicia verde e innovadora.

Explicou que esta mellora na xestión da auga non pode ser allea ao escenario actual de cambio climático e este é o primeiro reto do proxecto. Así, as solucións demandadas ao mercado teñen que lograr que a capacidade de resposta se adapte aos fenómenos naturais e se anticipe a eles.

A este respecto, puxo en valor as solucións enerxeticamente eficientes e sostibles desde todos os puntos de vista. Salientou a importancia de contar coas achegas do sector empresarial, dos centros tecnolóxicos ou dos grupos de investigación, por iso hoxe comeza a fase das consultas preliminares ao mercado.

Apuntou, ademais, que cómpre dispor de ferramentas para a mellora da resiliencia dos sistemas de abastecemento fronte á seca co fin de predicir estas situacións con modelos meteorolóxicos, cuantificar de forma precisa os recursos hídricos dispoñibles e definir as reservas e o control de perdas.
Tamén é fundamental acadar o sistema para reducir o impacto dos desbordamentos das augas pluviais nos usos produtivos e recreativos da auga, así como mecanismos de alerta mellorados para detectar risco de enchentes.

O segundo reto desta iniciativa é obter sistemas de información de xestión de recursos hídricos integrada. Neste caso, é preciso coñecer as ferramentas de incorporación de datos en tempo real a un sistema de información e a súa adaptación á toma de decisións por parte de Augas de Galicia.

Ademais cómpre consultar a existencia de técnicas non convencionais de valoración e predición do estado de conservación do dominio público hidráulico.

O terceiro reto deste proxecto é o seu vínculo á economía circular, pois o mercado debe aportar solucións sobre tecnoloxías innovadoras de desinfección e control de efluentes para a reutilización de augas depuradas e sobre a xestión intelixente das depuradoras enfocada á optimización enerxética.

Pola súa parte, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, explicou que Innovaugas 4.0 supón un paso máis no camiño da Xunta cara a xestión intelixente ao combinar sustentabilidade e innovación para responder ás necesidades inmediatas da cidadanía e, neste caso concreto, optimizar a xestión dos recursos hídricos un servizo básico para a cidadanía.

Conde asegurou que, precisamente, mellorar os servizos públicos e ofrecer calidade e axilidade na súa xestión é un obxectivo do Goberno galego, no que a Compra Pública Innovadora é a gran aliada tanto para a Administración como para o tecido empresarial, que atopa un contorno máis seguro para desenvolver os seus proxectos.

Destacou que Galicia é un referente neste eido ao executar o 40% de toda a CPI contratada en España no período 2007-2013 (un total de 122M€ dos que 90 se destinaron a programas como Innova Saúde e Hospital2050 para contar cun sistema de saúde máis seguro, intelixente e centrado no paciente), un compromiso ao que agora segue dando continuidade con máis de 129 millóns de euros xa programados para o período vixente (2014-2020).

‘Innovaugas’, solucións á xestión hídrica cun investimento de 7 millóns de euros