sábado. 18.05.2024

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, resaltou hoxe na rolda de prensa do Consello a posta en marcha de novas liñas de financiamento para impulsar a transformación do tecido empresarial galego, contribuíndo á reactivación da economía.

En concreto, trátase dunha iniciativa que, dotada con 60 millóns de euros, permitirá mobilizar arredor de 180 millóns. En primeiro lugar, mobilizaranse 60 millóns de euros a través dun programa dotado con 20 millóns, que permitirá apoiar a transformación das pemes, especialmente naqueles sectores que precisen reinventarse como consecuencia da covid-19.

Para acceder a este financiamento, deseñarase un plan específico de transformación empresarial, en base ao cal se establecerán as condicións de participación de XesGalicia en cada empresa.

Ademais, a Xunta colaborará con xestoras privadas de capital risco para acompañar ás empresas á hora de transformar a economía galega, impulsando o ecosistema de startups en Galicia, o emprendemento, a innovación e o retorno de talento.

Esta estratexia de fondo de fondos estará dotada con 10 millóns, baixo o obxectivo de mobilizar arredor de 30 millóns de euros.

Finalmente, avanzarase na creación dun fondo público-privado para proxectos tractores e estratéxicos, dotado con 30 millóns de euros, co obxectivo de que actúe de panca de investimento en forma de capital nas grandes empresas galegas. Con esta iniciativa, prevese mobilizar arredor de 90 M€.

Feijóo concluíu subliñando que todas estas iniciativas están deseñadas seguindo as recomendacións do Comité de expertos económicos e forman parte do plan de reactivación económica de Galicia, que ten como principais obxectivos: recuperar a economía da Comunidade; facilitar a transformación do tecido empresarial galego; xerar emprego nos sectores golpeados pola covid-19; e fortalecer os servizos públicos que reciben os cidadáns.

180 millóns de euros para a transformación do tecido empresarial