sábado. 05.10.2024

A Xunta apoia 17 proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global

As entidades beneficiarias son a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso), Farmacéuticos Mundi en agrupación coa Universidade de Santiago de Compostela, Fundación Intered, Asemblea de Cooperación pola Paz e Arquitectura sen fronteiras. Figuran tamén Solidariedade Internacional de Galicia, Fundación Taller de Solidaridad, Asociación Amigos da Terra, Fundación Entreculturas-Fe y Alegría, Manos Unidas, Fundación Ayuda en Acción e a Asociación Enxeñaría Sen Fronteiras Galicia. Completa a listaxe Fundación Educación y Cooperación, EDUCO.
Cidade da Cultura. ARQUIVO.
Cidade da Cultura. ARQUIVO.

A Xunta vén de publicar a resolución da convocatoria de subvencións para proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global, coa que se apoian 17 proxectos a cargo de 13 entidades durante o período 2022-2023. A dotación orzamentaria ascende a 600.000 euros para os dous exercicios, o que representa un incremento do 20% con respecto ao investimento do pasado ano.

As entidades beneficiarias son a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso), Farmacéuticos Mundi en agrupación coa Universidade de Santiago de Compostela, Fundación Intered, Asemblea de Cooperación pola Paz e Arquitectura sen fronteiras. Figuran tamén Solidariedade Internacional de Galicia, Fundación Taller de Solidaridad, Asociación Amigos da Terra, Fundación Entreculturas-Fe y Alegría, Manos Unidas, Fundación Ayuda en Acción e a Asociación Enxeñaría Sen Fronteiras Galicia. Completa a listaxe Fundación Educación y Cooperación, EDUCO.

As actuacións previstas diríxense á sensibilización da opinión pública en materia de cooperación para o desenvolvemento e causas da pobreza; á formación sobre o desenvolvemento e difusión nos ámbitos educativos formais e non formais da realidade dos países empobrecidos; á investigación sobre o desenvolvemento e á mobilización social para crear redes de solidariedade.

A achega do Goberno galego financia ata o 95% do orzamento total do proxecto, con axudas máximas de ata 35.000 euros para o período 2022-2023 e de 25.000, se as accións se executan só en 2022. No caso de proxectos desenvolvidos por varias entidades en agrupación, a contía máxima é de 45.000 euros para as accións plurianuais e de 35.000 para as correspondentes só a 2022.

Entre os gastos cubertos figuran o alugamento de locais para a realización das actividades previstas ao abeiro da convocatoria, desprazamentos, persoal ao servizo do proxecto, elaboración de materiais de difusión e asistencia a encontros de formación técnica. En canto aos criterios de valoración, neles tivéronse en conta tanto aspectos relacionados coa entidade responsable como con cada un dos proxectos presentados.

ACTIVA ANTE INXUSTIZAS

A iniciativa enmárcase no compromiso da Xunta coa conformación dunha cidadanía global a través do fomento da educación para o desenvolvemento e a sensibilización da sociedade galega sobre as realidades dos países empobrecidos e as causas da pobreza. Búscase tamén potenciar valores humanistas, de convivencia pacífica, tolerancia, xustiza e igualdade, a prol dunha cidadanía global crítica, activa ante as inxustizas e participativa na construción dun mundo mellor.

A Xunta apoia 17 proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global
Comentarios