viernes. 26.04.2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a traxectoria exemplar do sector agroalimentario para consolidar Galicia como terra de excelencia.

Na oitava edición dos Premios Galicia Alimentación, na categoría de produtor innovador, resultaron galardoados Hijos de Rivera S.A.U. e o Grupo Lence, mentres que o premio ao produto excelente foi para Real Conservera Española. Na categoría de proxecto empresarial ou institucional os premios recaeron en Alibós Galicia SL e en Innolact SL, en tanto que como estratexia de mercado e internacionalización foron premiadas as firmas Gadisa Retais, Larsa Capsa e Pereira Productos del Mar, SA.

O presidente da Xunta asistiu á entrega dos Premios Galicia Alimentación organizados polo Clúster Alimentario de Galicia, un acto no que subliñou que as empresas premiadas nesta oitava edición “demostran que detrás dos nosos éxitos hai empresas sólidas e comprometidas co futuro de Galicia”.

Alfonso Rueda dixo que Galicia ten moitos referentes, “pero se hai un que nos identifica por riba de todo, ese é o sector primario, o produto orixinal e xenuíno que enche as nosas despensas e que atrae a comensais, clientes e consumidores de todo o mundo. É o que máis atrae a Galicia e o que máis atrae de Galicia”.

O presidente da Xunta, que asistiu ao acto acompañado polo conselleiro de Medio Rural, José González, e pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, agradeceu ao sector a súa entrega nos tempos de pandemia, cando se puxo en marcha a plataforma Mercaproximidade á que se adheriron 200 provedores e 400 pequenos produtores para facilitar o acceso da poboación a produtos de primeira necesidade. “Fostes o sustento de todos nós durante os difíciles tempos do confinamento”, indicou. Ademais, felicitounos por poñer en valor a riqueza alimentaria de Galicia ata o punto de ser recoñecida en calquera parte do mundo, e por ser quen de conxugar tradición e vangarda na transformación e comercialización dos produtos. “Da terra, á feira. Do mar, á lonxa. E de Galicia, ao mundo”, indicou.

Rueda recordou que o sector agroalimentario é clave na economía galega, xa que xera máis de 100.000 empregos -case o 10% do total- e engloba o 7% do PIB, ademais de estar presente en todas as comarcas galegas cunha forte orientación exportadora.

Un percorrido no que, ao seu entender, xogou un papel fundamental o Clúster de Alimentación de Galicia, interlocutor clave entre o sector e o Goberno galego e canle para que a Xunta atenda as súas necesidades, como de feito ocorre agora coas dificultades que sofre pola alza do combustible e o convulso escenario internacional. Rueda manifestoulles que seguirán contando co apoio da Xunta como se fixo ata agora coa posta en marcha de iniciativas coma o selo Galega 100% para o leite da nosa terra, as estratexias láctea e do viño, a futura estratexia do sector da carne de Galicia ou outras medidas de carácter normativo como a regulación da marca Leite de pastoreo, o decreto da artesanía alimentaria de Galicia, a lei de recuperación da terra agraria de Galicia ou a futura lei de calidade alimentaria.

O presidente do Goberno galego fixo referencia tamén ás estratexias deseñadas polo conxunto da Unión Europea con iniciativas como Da granxa á mesa ou o Pacto Verde Europeo, así como impulsando produtos Quilómetro cero ou produtos Eco.   

Un conxunto de iniciativas ás que se suma Galicia etiqueta calidade, “unha campaña que puxemos en marcha para salientar que a nosa Comunidade conta con ata 36 selos de calidade diferenciada”, recordou Alfonso Rueda.

VALOR ENGADIDO

 Alfonso Rueda felicitou aos gañadores dos Premios Galicia Alimentación, “empresas sólidas e comprometidas co futuro de Galicia” que, ao seu entender, demostran que a industria alimentaria galega non ten cancelas e que poñen a excelencia como bandeira, concibindo ademais imaxinativas campañas de promoción para as súa comercialización fóra de Galicia.

O presidente da Xunta asegurou que o exemplo dos premiados son un estímulo “para seguir mirando pola casa” e promovendo a marca Galicia Calidade.

Premios Galicia Alimentación
Comentarios