martes. 16.07.2024

A banda de música ‘Unión de Guláns’ prepara un novo acto para conmemorar o seu 150 aniversario por todo o alto. Este domingo 2 de xullo celebrarase o 1º Festival de Bandas Centenarias de Ponteareas, un encontro no que o público poderá gozar da boa música coa actuación de tres bandas de música.

A actividade comezará ás 18.00 horas coa música resoando polas rúas de Ponteareas cun pasarrúas que irá dende a Casa do Concello ata o auditorio municipal Reveriano Soutullo. Xa no auditorio subiranse ao escenario a banda de música ‘Unión de Guláns’ e dúas bandas convidadas, a de música popular de Moaña ‘Airiños do Morrazo’ e a Banda Artística de Merza. A entrada será de balde ata completar aforo. 

Fundada no ano 1870, pola ‘Unión de Guláns’ pasaron 20 directores e centenares de músicos e músicas que deron a coñecer á banda e fixeron dela o maior orgullo da parroquia, converténdoa nun verdadeiro nexo de unión entre veciñas e veciños. A banda retomou este ano os actos conmemorativos do seu aniversario previstos para o 2020 e adiados por mor da crise sanitaria. 

“Con este festival poñeremos en valor unha vez máis a ampla traxectoria e legado da banda de música ‘Unión de Guláns’, parte integral da cultura musical ponteareá durante máis de 150 anos, enriquecendo a vida da vila co talento e paixón pola música de todas e todos os seus integrantes”, resaltou a alcaldesa, Nava Castro. 

Música centenaria para render homenaxe á formación de Guláns que cumpre 150 anos
Comentarios