domingo. 26.05.2024
Con máis de 7.000 usuarios diarios

Meteogalicia estrea páxina web

MeteoGalicia, organismo meteorolóxico dependente da Xunta e que presta servizos de observación e predición desde o ano 2000, acaba de estrear páxina web, un portal máis accesible e moderno que grazas a unha serie de melloras tecnolóxicas e visuais axilizará as consultas desde todo tipo de dispositivos, mellorando así a experiencia e o servizo que reciben os máis de 7.000 usuarios diarios que ten na actualidade.
A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe a sede do organismo coincidindo coa posta en servizo do novo portal.
A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe a sede do organismo coincidindo coa posta en servizo do novo portal.

MeteoGalicia, organismo meteorolóxico dependente da Xunta e que presta servizos de observación e predición desde o ano 2000, acaba de estrear páxina web, un portal máis accesible e moderno que grazas a unha serie de melloras tecnolóxicas e visuais axilizará as consultas desde todo tipo de dispositivos, mellorando así a experiencia e o servizo que reciben os máis de 7.000 usuarios diarios que ten na actualidade.

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou esta mañá no acto de presentación da nova páxina, ao que asistiron tamén a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, e o director da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño, organismo que xestionou a renovación do portal en colaboración co persoal de Meteogalicia e que proporciona a infraestrutura tecnolóxica para darlle soporte.

Concretamente, a renovación acometida abrangue a páxina principal da axencia meteorolóxica que dá acceso á información dispoñible en liña, así como os apartados dedicados a predición, calidade do aire, formación e publicacións, nos que se introduciron melloras tanto desde o punto de vista da presentación dos contidos como a través de visores que fan máis accesible e doada a consulta.

En todo caso, tal e como se explicou durante a presentación, está previsto completar o proceso de actualización da páxina web nos vindeiros meses cunha segunda fase na que se acometerá tamén a adaptación ao novo formato dos apartados restantes, é dicir, observación, clima e modelos numéricos.

O obxectivo é seguir mellorando e optimizando un servizo en liña do que se beneficia xa unha media de máis de 7.000 persoas diferentes cada día e moi estendido entre a cidadanía galega. Así o indican as últimas estatísticas relativas ao tráfico que soporta, xa que só o ano pasado esta web recibiu máis de 56.000 accesos diarios.

Neste sentido, a vicepresidenta segunda salientou que MeteoGalicia leva xa máis de dúas décadas presente en internet e a súa páxina é, a día de hoxe, a máis visitada de toda a Xunta. De feito, se no ano 2005 a web deste organismo rexistraba 2 millóns de visitas anuais, nestes momentos a cifra supera os 62 millóns, un crecemento que pon en evidencia a importancia e a popularidade que ten este servizo entre os galegos.

BALANCE E ENTRADA DE BORRASCAS

Tras a explicación técnica dos cambios introducidos no portal web de MeteoGalicia, Ángeles Vázquez aproveitou a ocasión para avanzar que xa está dispoñible o informe correspondente ao balance do pasado verán, un período que desde o punto de vista climatolóxico abrangue de xuño a agosto.

Ao respecto, a vicepresidenta subliñou que a característica máis salientable deste período foi a temperatura, sendo un dos veráns máis cálidos dos últimos 60 anos, superado só polo de 2006 e polo inmediatamente anterior, o de 2022. Ademais, indicou que houbo temperaturas medias mínimas moi elevadas ata o punto de que se bateu o récord desde que existen rexistros fiables en Galicia. Tamén foi lixeiramente húmido.

En canto ao comportamento por meses, xuño foi o máis cálido da serie desde o ano 2005 e tamén o máis chuvioso dos últimos 35 anos; en xullo se rexistraron un 43% menos de precipitacións; e agosto caracterizouse por ser moi caloroso e cun nivel de precipitacións que se moveu dentro valores considerados normais para a época.

Finalmente e con relación ao mes de setembro, Vázquez Mejuto aclarou que foi un período “moi cálido e húmido”, con temperaturas medias, mínimas e máximas por riba do habitual nesta época do ano, e no que se contabilizaron 117 litros por metro cadrado de precipitación media acumulada, é dicir, un 46% máis do normal.

En canto a outubro, referiuse á primeira metade do mes, caracterizada polos períodos anticiclónicos e cos termómetros batendo marcas históricas en canto ás máximas, e avanzou que tras a chegada da primeira fronte activa o pasado venres, a previsión é que a Comunidade siga recibindo novas borrascas esta semana e, probablemente, a seguinte.

Meteogalicia estrea páxina web
Comentarios