lunes. 22.06.2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou na clausura da II edición do Executive Master in Seafood Management da Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE), onde puxo en valor a importancia da formación especializada para afrontar os desafíos do sector marítimo-pesqueiro galego.

Durante a súa intervención, Villaverde subliñou que este tipo de programas resultan fundamentais para impulsar a innovación, mellorar a capacidade de adaptación das empresas e avanzar cara a unha produción sostible nos mares.

A responsable autonómica destacou que o máster aborda de maneira integral toda a cadea de valor do sector do mar desde unha perspectiva estratéxica, ofrecendo aos profesionais ferramentas útiles para aplicar no seu día a día. Neste sentido, salientou o “acerto na programación, enfoque e desenvolvemento” da metodoloxía baseada en casos prácticos, ao permitir traballar con situacións reais e solucións de aplicación inmediata.

Captar e reter talento

A conselleira fixo especial fincapé na captación e retención do talento, que definiu como “un dos retos máis importantes para a empresa galega”. Para avanzar neste obxectivo, lembrou que a Consellería do Mar reforzou o orzamento destinado ao Programa de Ensinanzas Marítimo-Pesqueiras, que conta cun fondo de 12,4 millóns de euros, un 9,5 % máis que no exercicio anterior.

Villaverde incidiu en que a formación contribúe a manter o sector do mar nunha posición estratéxica para Galicia, ao tempo que proporciona novas capacidades para innovar, detectar oportunidades e mellorar a competitividade.

A titular do Mar tamén destacou que a especialización é clave para garantir “unha produción eficiente e sustentable de alimentos saudables e de calidade”, nun contexto no que o sector debe responder a novas demandas ambientais, económicas e sociais.

Coa clausura desta segunda edición, o Executive Master in Seafood Management consolídase como unha proposta formativa orientada a profesionais do sector que buscan reforzar a súa visión estratéxica e avanzar na xestión dun ámbito esencial para a economía galega.

O talento e a innovación abren rumbo no futuro do sector do mar galego
Comentarios