sábado. 05.10.2024

 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o novo impulso que desde o Goberno galego se lle dá á Escola de Cantería de Poio, que pasa a formar parte da oferta educativa da Xunta e que comezará a funcionar como centro integrado de Formación Profesional no curso 2024-2025. 

Rueda participou na sinatura da acta de entrega desta Escola ao Executivo autonómico. Destacou que neste “día histórico” culmina un proceso que converterá este centro “nunha das xoias da coroa do sistema da FP en Galicia”, despois de máis de 40 anos sendo referente na ensinanza dun dos oficios más antigos e representativos da nosa Comunidade. 

O cambio suporá grandes melloras para o alumnado, xa que permitirá que as ensinanzas que ata agora eran consideradas como formación non formal pasarán a ser títulos oficiais, ademais de permitir que os antigos alumnos, que non tiñan un título homologado, poidan acreditar a experiencia profesional. 

Tras unha primeira fase de transición para trámites e xestións, o inicio da actividade lectiva regrada será xa no curso 2024-2025, cunha oferta de formación centrada na construción, restauración e rehabilitación de edificios, que superará as 100 prazas. Así mesmo, porase en marcha o proceso de acreditación de experiencia laboral. Nos cursos seguintes está previsto que o número e prazas supere as 300, co desenvolvemento completo de ensinanzas e a oferta de novas titulacións e formacións.

Rueda valorou “o traballo artístico en pedra, tan propio de Galicia, tan identificador do noso” e a importancia que ten esta Escola que agora vai ser “un centro moitísimo máis potente” para conservación e recuperación da cultura e o patrimonio galegos. “Facemos xustiza, facemos algo moi intelixente como é potenciar e darlle aínda máis prestixio á cantería”, afirmou. 

FP en Galicia

Rueda insistiu na aposta do Goberno galego pola Formación Profesional, que está a experimentar unha “revolución silenciosa na que levamos traballando moi intensamente nos últimos anos” e que, na actualidade, é unha opción preferente para moitos alumnos, ao converterse nun sinónimo de prestixio, confianza e utilidade.

Os datos da FP en Galicia amosan esa importancia, ao presentar taxas de inserción laboral do 85 %, que se elevan aínda máis, ata o 97 %, no caso da FP Dual. Ademais, a nosa comunidade está á cabeza de España en alumnado matriculado e no vindeiro curso 2023-2024 contamos coa maior oferta de FP da historia da educación pública en Galicia, con 42.174 prazas novas de novo ingreso, un 12 % máis que o curso pasado.

Escola de Cantería de Poio incluida na rede de centros integrados de FP
Comentarios