A Delegación do Goberno en Galicia informa de que a Dirección Xeral de Tráfico (DGT) iniciará mañá, luns 6 de maio, e ata o domingo 12, unha campaña de sensibilización sobre usuarios vulnerables nas estradas convencionais de Galicia. Esta iniciativa segue as liñas marcadas pola Estratexia de Seguridade Viaria 2021-2030 e polo Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2022-2025, que en ambos casos fixan como obxectivo específico a protección deste colectivo.
Por unha banda, esta campaña márcase como obxectivo concienciar a peóns, ciclistas e motoristas sobre a súa propia posición vulnerable, lembrándolles a necesidade de facerse visibles con elementos e pezas reflectantes, usar os sistemas de protección específicos como o casco así como a indumentaria adecuada para circular con bicicletas e motocicletas ou de cumprir e respectar as normas que lles afectan especificamente. Pola outra, búscase sensibilizar aos condutores sobre a elevada exposición ao risco destes usuarios e a necesidade de manter o nivel de alerta constante perante a súa presenza na vía.
É xustamente por isto último que os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil, encargados de levar a cabo a campaña, recordarán a estes condutores a necesidade de reducir ou moderar a súa velocidade ao toparse con usuarios vulnerables la estrada, extremar a precaución nos cruces e xiros, mirar polos espellos retrovisores con frecuencia, usar as sinais intermitentes de sinalización e respectar a distancia lateral dun metro e medio para adiantar a un ciclista ou peón que tamén estea usando a calzada. Ademais, os axentes tamén entregarán elementos reflectantes de alta visibilidade ao colectivo vulnerable que se desprace por estrada sen facer uso deles e repartirase material impreso específico.
Sobre todas estas recomendacións atópase o espírito de cortesía e colaboración que debe imperar nas estradas e que fomenta comportamentos seguros e respectuosos coa mobilidade de todos e todas.
OS USUARIOS VULNERABLES
Os usuarios en situación de vulnerabilidade son aqueles cidadáns que por diferentes circunstancias, ben polas súas características físicas ou ben polo medio de desprazamento empregado, teñen máis probabilidade de verse implicados nun sinistro de tráfico ou de resultar mortos ou feridos como consecuencia do mesmo. Polo tanto, o concepto inclúe aos peóns en xeral (nenos, adolescentes, adultos, maiores e persoas con mobilidade reducida), así como a ciclistas, motoristas, condutores de ciclomotores e vehículos tipo tractor ou quad.
Os datos de sinistralidade mortal en vías interurbanas de Galicia de 2023 amosan que o 36% dos falecidos foron usuarios vulnerables e o 43% en 2022. No que levamos de ano 2024 (ata o 30 de abril), das 37 persoas falecidas 7 foron peóns por atropelo, 6 motoristas e 1 condutor de ciclomotor, o que supón un 38% de falecidos vulnerables en sinistros de tráfico.
A DGT inicia unha campaña de sensibilización sobre usuarios vulnerables en Galicia
Ten como obxectivo concienciar a peóns, ciclistas e motoristas da súa propia condición de vulnerabilidade, así como sensibilizar ao resto de condutores da elevada exposición ao risco que teñen. Os axentes de Tráfico entregarán elementos reflectantes de alta visibilidade ao colectivo vulnerable que se desprace por estrada sen facer uso deles e repartirase material impreso específico. Os datos de sinistralidade mortal en vías interurbanas de Galicia do que vai de 2024 amosan que o 38% dos falecidos foron usuarios vulnerables
5 de mayo de 2024, 23:06