lunes. 27.05.2024

A Xunta de Galicia mantén aberto ata o próximo 12 de maio o prazo para a presentación de candidaturas para as Medallas Pardo Bazán 2022. Estes galardóns outorgan cada ano recoñecemento público ás accións desenvolvidas na Comunidade galega por persoas físicas ou entidades que teñan contribuído, cun papel destacado, á defensa da igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes.

As candidaturas poden presentarse na Sede Electrónica da Xunta por calquera persoa física ou xurídica, organismos, entidades, asociacións e mesmo administracións públicas, que desexen resaltar o labor dalgunha persoa, entidade ou institución a prol da equidade.

Para formalizar a proposta, os promotores deben achegar unha memoria ou informe en que se expoñan as causas, motivos e circunstancias, debidamente razoadas, polas que se insta  a conceder o recoñecemento á entidade ou institución candidata.

As Medallas Emilia Pardo Bazán constitúen unha iniciativa que a Xunta creou en 2019 para o recoñecemento de accións relevantes á vez que permiten brindar un recoñecemento público ás medidas desenvolvidas en Galicia en prol da igualdade efectiva. A concesión das mesmas axuda á sensibilización social, á visibilización dos talentos e das capacidades das mulleres e para que se recoñeza a traxectoria vital e profesional de persoas e entidades comprometidas con erradicar as discriminacións de xénero e coa construción dunha sociedade máis xusta, sen estereotipos. 

Estes galardóns levan o nome de Emilia Pardo Bazán por tratarse dunha precursora nas ideas acerca dos dereitos das mulleres e do feminismo e polo seu carácter reivindicador da educación das mulleres, tendo incorporado en todas as súas obras ideas sobre a modernización da sociedade e o acceso das mulleres aos mesmos dereitos e oportunidades que tiñan os homes na súa época.

Na última edición, concedeuse este mérito á fundadora e presidenta (entre 2001 e ata o seu falecemento en 2009) da Asociación Alar de Galicia, María Jesús Díaz Sánchez; á produtora, escritora e directora de cine, Zaza Ceballos; e á Asociación Mirabal que destaca polo seu traballo local coas mulleres vítimas da violencia de xénero e os seus fillos e fillas.

Ata o próximo 12 de maio aberto o prazo para a presentación de candidaturas para as...