Naquela infancia que parecía non ter fin, a filla e a nai compartían cada mañá unha vida na que tamén estaban Juana e Anacleto, dous animais que formaban parte da casa.
A nai amaba os animais e tratábaos como membros da familia. Faláballes, escoitábaos e respectaba o carácter de cada un.
Juana era unha burra zamorana, fermosa, altiva e de carácter firme. Non se deixaba dominar facilmente, e a nai respectaba a súa vontade.
Anacleto era un burriño gris, xoguetón e caprichoso. A cada pouco quería mamar e reclamábao empurrando co fociño. A nena acariciábao, peiteábao e xogaba con el. Cando medrou, pasou a chamarse Juanito.
Na corte, sen ventás, descubriu unha chave coa que podía acender a luz e, caprichoso como era, decidiu mantela sempre acesa, para asombro de todos.
Cada mañá, a nena saía cara á escola mentres a nai quedaba cos animais. O camiño abríase entre pendentes, corredoiras de pedra, prados e regatos.
Alí estaba o Monte do Castro, cuberto de toxos, xestas e uces. Baixo as raíces e as pedras durmía unha historia antiga. Co paso dos anos, a terra revelou o seu segredo e apareceu o Castro de Sobredo.
Por iso aquel lugar se parece tanto á infancia: unha paisaxe aínda sen escavar, sen as pegadas que despois irá deixando a vida.
Pero a paisaxe tamén sabe gardar. Unha pedra, unha curva do camiño ou o cheiro da herba mollada poden devolvernos, de súpeto, unha mañá perdida.
Hoxe, cando a nena xa é adulta, volve pasar por aquel lugar. Recoñece unha pedra, a entrada da antiga casa, o sitio onde estivera a corte. E, sen pretendelo, aquela mañá regresa.
Ve a nai cos animais. Juana está preto de Juanito, que busca co fociño o seu amparo. A nai acaríciaos e fálalles co mesmo cariño co que sempre coidou todo aquilo que amaba.
E, nese instante, a nai está alí de novo: na súa voz, no seu xesto, na súa maneira de coidar e protexer.
Na memoria volve escoitar aquela voz suave e familiar:
—Anda, que vas chegar tarde.
E a muller sorrí.
Por un instante volve ser aquela nena que marchaba coa carteira ao lombo, sabendo que, ao regresar, a nai estaría alí.
A casa xa non é a mesma. A corte está baleira. Juana e Juanito pertencen tamén a aquel tempo que marchou.
Pero hai ausencias que os anos non conseguen baleirar.
E a nai segue dentro dela, máis presente ca nunca.
